Esquerda Unida considera “aberrante” que a “mellora da convivencia nos centros educativos” pase pola videovixilancia

A área de Educación de Esquerda Unida manifestou hoxe o seu total rexeitamento ás declaracións vertidas recentemente polo delegado do goberno en Galicia, Santiago Villanueva, nas que valoraba positivamente o emprego da videovixiancia ao alumnado en colexios e institutos coa finalidade de asegurar a convivencia e seguridade dos centros educativos. “O que é máis preocupante é que estas  son coincidan coas manifestadas nas últimas semanas polo conselleiro Román Rodríguez, o que fai temer que o goberno da Xunta e Consellería de Educación este avogando para implantar unilateralmente estas medidas”, expresou Roi Rodríguez, coordinador da área de Educación de EU.

Dende EU valórase esta medida como profundamente retrógrada dende o punto de vista educativo e social. En vez de realizar un traballo pedagóxico de educación en valores co alumnado e de desenvolver as habilidades sociais do mesmo e o seu comportamento cívico a través da asunción dos valores básicos de convivencia, consellería e delegado do goberno avogan por unha solución de tipo “policial” impoñendo a coerción como mecanismo principal de control da conduta do alumnado.

EU denuncia o ton alarmista manifestado polo delegado do goberno en relación á situación de seguridade e convivencia que non se corresponde coa realidade galega, na que se dan taxas de conflitividade moi inferiores á da media estatal.

Finalmente, a coalición de esquerdas sinala que a mellora da convivencia nos centros escolares dende un criterio realmente educativo non virá de medidas coercitivas como o videocontrol que propoñe o PP, senón que pasaría inevitablemente por reverter as medidas altamente lesivas que o goberno do PP leva sometido ao ensino público, isto é: dotación suficiente de persoal tanto educativo (nomeadamente nos equipos de orientación e equipos específicos) como laboral,  plans de formacións específicos sobre convicencia ao profesorado a través duns centros de formación (CEFORE) a día de hoxe practicamente desmantelados  e un modelo educativo baseado na promoción dos valores de convivencia e dos dereitos humanos, o que pasa inescusablemente por retirar a polémica LOMCE, unha lei que fomenta a competitividade e a segregación e abrir o debate á comunidade educativa.

Relacionados