Esquerda Unida considera fundamental a implantación do tren de cercanías en Galicia

Hoxe, a coordinadora nacional de Esquera Unida Eva Solla, trasladou en rolda de prensa a necesidade de que os Orzamentos Xerais do Estado recollan a implantación dun servizo de tren de cercanías para Galicia.

Ante a necesidade de trasladar o país a un horizonte dun transporte e sostible no marco da axenda do clima, o ferrocarril debe ter unha importancia crucial como servizo público, colectivo e sostible. “O elemento central do debate orzamentario ten que ver coa importancia do ferrocarril convencional máis alá das inversións realizadas no tren de velocidade alta. É necesario mudar a tendencia e invertir nun ferrocarril que vertebre Galicia que sirva para o transporte de viaxeiros pero tamén que a vertebre de maneira económica para o transporte de mercancías” manifesta Eva Solla.

“Galicia é unha das poucas Comunidades Autónomas que non dispón dun servizo de cercanías, cuestión que dificulta a mobilidade entre cidades e vilas. Un inicio necesario deste servizo sería a implatanción naqueles lugares que contan como maior mobilidade como son os tramos Vigo-Pontevedra, Compostela-Vilagarcía e a Coruña-Ferrol” di Solla. 

O desmantelamento do servizo de ferrocarril vai parello á falta de inversión e modernización como é o caso do eixo cantábrico que afecta a toda a Mariña, sen esquecer tamén a zona de Valdeorras e Monforte, marxinadas en materia de infraestruturas ferroviarias.  A falta de electrificación de vías como a de Lugo-Monforte e Ferrol-A Coruña, a licitación do bypass de Betanzos, a modernización de traxectos, son elementos fundamentais para poder contar cun servizo de transporte público, colectivo e sostible acorde as necesidades da poboación e do medioambiente.

A supresión de liñas e frecuencias como son os tres servizos de Tren Hotel que comunican Galicia con Madrid, con Barcelona e con Euskadi son tamén exemplo do desmantelamento en detrimento deste servizo público. Esquerda Unida, esixe a recuperación das frecuencias suprimidas durante a pandemia así como o aumento das frecuencias e adapatación horaria nos traxectos actuais, máxime cando a situación epidemiolóxica require de medidas preventivas de reducción de ocupación que minimicen os riscos de contaxio.

Xunto co transporte de viaxeiros, o transporte de mercancías é imprescindible como motor económico para frear a progresiva pérdida de industria en Galicia, polo que a conexión de Galicia-Porto debe ser incluída como Rede Básica no Corredor Atlántico.

Relacionados