Este ano do 2020 está marcado pola crise da pandemia do coronavirus e máis por unha crise social e económica que, novamente, mostra as desigualdades que un ano máis estamos denunciando as mulleres, dado que o sistema non protexe, nin asegura unha vida digna para as mesmas.
Xa no confinamento, que comezou no mes de marzo, moitas mulleres tiveron que estar encerradas cos seus maltratadores, o que motivou un aumento significativo das detencións por violencia machista, así como do uso do teléfono e de redes móbiles nos que as vítimas solicitaban axuda para evitar ataques de violencia por parte do seu maltratador.
Moitas mulleres dependen economicamente da súa parella, por elo tanto organismos nacionais como internacionais están alertando que nas épocas de crise o enfoque de xénero é unha cuestión que as administracións eliminan da súa axenda, cando tería que ocorrer todo o contrario, é imprescindible que se potencien as actuacións do Pacto de Estado contra a violencia de xénero e aplicar as medidas e políticas igualitarias en esta situación de crise.
Por todo o indicado e á vista da decisión do Concello de Ourense de eliminar os actos do día 25 de novembro “Día Internacional para a eliminación da violencia exercida contra as mulleres”, desde a área de muller de Esquerda Unida, reiteramos a nosa repulsa por esta decisión, dada a situación de violencia machista que estamos denunciando e máis aínda cando no mesmo mes se permiten outros actos e espectáculos na rúa.
Queda demostrado que para esta corporación do Concello de Ourense as mulleres non somos consideradas cidadás, pretenden que soportemos sen máis o esquecemento do noso traballo, a violencia contra nós polo feito de ser mulleres e pretenden seguir transmitindo a mesquindade de que a pandemia e a crise é culpa das mulleres.
Calquera sociedade democrática debe protexer á súa cidadanía e impulsar valores de respecto, igualdade e convivencia, pero vemos que non é o caso do Concello de Ourense, que nos deixa soas ante a explotación, discriminación e invisibilidade. Temos a obriga moral e moitos motivos este ano para respostar coa mesma dignidade e forza coa que as mulleres saímos ás rúas cada 25 de novembro berrando Nin Unha Menos!
Esquerda Unida comprométese a levar as esixencias feministas ás políticas locais, dende unha perspectiva integral e unha estratexia global, xa que as violencias machistas invaden todos os ámbitos da vida. Son urxentes medidas reais e efectivas contra a violencia machista, con dotación económica, material e recursos humanos, con avaliación continua, que incorporen a loita contra todos os tipos de violencia de xénero e en calquera que sexa o seu ámbito de manifestación (familiar, parella/relación, laboral, social, cultural, institucional).
O ámbito municipal, o máis próximo á cidadanía, é o marco idóneo para incidir de xeito decisivo na vida das mulleres e impoñer unha mensaxe clara e contundente contra a violencia de xénero; a actual dotación do Pacto de Estado é insuficiente para levar a cabo unha verdadeira loita contra a violencia de xénero. Esiximos que se poñan os medios necesarios para loitar contra as violencias machistas e atender con dignidade e eficiencia ás mulleres vítimas das violencias machistas, urxe que as administracións deixen de ser cómplices, por inacción, das violencias machistas.