Nada máis coñecer a sentenza ditada no Caso Gürtel, deixa claro que o PP naceu para saquear as institucións mediante unha rede eficaz que involucraba a políticos e empresarios, como o galego Pablo Crespo, que traballaba nas empresas de Correa e foi secretario de Organización do PPdG, condenado agora a 37 anos e medio de cárcere pola Audiencia Nacional, Esquerda Unida considera que o PP está inhabilitado para gobernar debido á corrupción instalada e demostrada como eixo que vertebra as filas de M.Rajoy.
“A xustiza vén de demostrar que o PP é unha trama de corrupción que se aproveita das institucións para enriquecerse, seguindo un modus operandi propio da mafia. É obvio que este país non pode ser gobernado por unha trama corrupta”, sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida, que lembrou o caso galego: “Pablo Crespo, denominado ‘número 2 da trama Gürtel’, xa recoñecía publicamente a financiación irregular do Partido Popular en Galicia, con cantidades que superaban os 300.000 euros anuais”.
Segundo expón a coordinadora nacional de Esquerda Unida, “a existencia dunha caixa B no Partido Popular, que chegou ata 2008, con Mariano Rajoy na presidencia do partido, e que chegaba ás persoas máis relevantes deste como sobresoldos é moi grave, polo que a prioridade é botalos do goberno a prol de sanear a nosa democracia”, remata.
Ante a constatación de que o PP sexa o primeiro partido político condenado por corrupción, dende Esquerda Unida consideramos que a prioridade é apartar a este partido do goberno, polo que manifestamos o noso respaldo ao grupo parlamentario de En Marea no congreso e sumámonos ao apoio da moción de censura rexistrada, polo PSOE como primeiro paso para inciar a rexeneración da política.