Esquerda Unida critica o electoralismo e oportunismo do Plan Estratéxico 2015-2020

Case o 75% das persoas que traballan en Galicia opinan que non hai axudas públicas suficientes á hora de adaptar a vida familiar e o traballo. Recentemente, a Xunta de Galicia anunciou o Plan Estratéxico 2015-2020 co fin de mellorar a calidade de vida das familias e aumentar a natalidade, axudando ás empresas que prometan políticas de conciliación.

Segundo o coordinador da área de Educación, Roi Rodríguez Cagiao, “por riba o carácter altamente oportunista, electoralista e pouco concreto deste anuncio, entendemos que as políticas de corte neoliberal aplicadas do PP teñen ido precisamente en sentido contrario e seguen a imposibilitar unha conciliación minimamente satisfactoria para amplos sectores, polo cal, non podemos menos que desconfiar das bondades das propostas deste Plan Estratéxico que se producen a oito meses das eleccións autonómicas”, explica.

Para Rodríguez Cagiao a realidade é ben diferente. “A praza dunha crianza nunha gardería da Rede de Escolas Infantís da Galiña Azul a tempo completo, e con servizo de comedor, ronda os 225 euros, aínda que este prezo pode reducirse en función da renda familiar. Mentres, as garderías privadas resultan moito máis caras para as familias que as públicas ou as xestionadas polo Consorcio de Benestar e Igualdade. Paradóxicamente, a política de cheque da Xunta ás garderías privadas é a que as fai competitivas coa rede pública, se ben a calidade do servizo no relativo ao comedor —ratio alumno-coidador e dotacións de espazos así como as condicións de traballo dos traballadores/as das mesmas— son moi inferiores”, di.

Se ben a propia Xunta de Galicia anunciou esta semana que subvencionará a gardaría a todos os pequenos/as que se quedaron fóra das públicas, para o coordinador da área de Educación, isto é deficitario. “A rede de garderías públicas e as xestionadas polo Consorcio (Galiña Azul) son insuficientes, sobre todo nas cidades, tal e como demostran as longas listas de espera. A solución aportada pola Xunta, que responde ao principio neoliberal de transvasar recursos públicos á empresa privada para que esta asuma a prestación  do servizo público, merma a súa calidade. Sen embargo, a nosa proposta é a oposta: integrar as escolas infantís dentro da Consellería de Educación e garantizar a prestazón do servizo a través dunha rede de escolas de titularidade pública”.

A desindustrialización, a precarización das condicións de vida e do traballo, a inestabilidade laboral e o empobrecemento xeral da poboación son as principais causas para que moitas persoas se planteen non ter fillas/os. “Dende o eido educativo, nós levamos propostas que terían un impacto moi positivo, tales como a obrigatoriedade por parte da administración de ofertar prazas suficientes nas garderías con carácter gratuíto, incluíndo na mesma os materiais escolares, o servizo de comedor e transporte. Todo isto, dende unha rede pública, que é a nosa proposta”, recalca Rodríguez Cagiao.

Relacionados