Esquerda Unida critica o proceso escurantista da venda do Popular que consolida o oligopolio bancario en Galicia e provoca gran incerteza laboral do persoal

Esquerda Unida manifesta o seu total rexeitamento á adquisición do Banco Popular por parte do Banco Santander, (que se fixo co 100% das accións por un euro) e que provoca que as galegas e galegos sufran as consecuencias dun forte oligopolio bancario co Banco  Santander e Abanca á cabeza. Esta operación fíxose dentro dun clima de tensión entre as empregadas e os empregados, que agora viven con  incerteza o seu futuro laboral e que denunciaron constante desinformación e manipulación en todo o proceso, polo que agora valoran emprender accións xudiciais.

Con esta compra, Galicia abócase a un nefasto oligopolio financeiro e, doutra banda, o persoal do banco, maltratado durante este tempo, teme agora as consecuencias desta nova situación. O Banco Popular ten contratadas en Galicia a máis de 1.200 persoas que dependen do futuro da entidade e que agora seguen a pular polo mantemento dos seus postos de traballo.

Dende Esquerda Unida rexeitamos toda esta operación escurantista e criticamos a conducta obscena dun Banco que decidiu no último ano desfacerse de boa parte do seu persoal. Neste senso, manifestamos tamén unha gran preocupación polos postos de traballo actuais e as condicións laborais de precarización destas persoas, que seguen moi confundidas co proceso.

Ademais subliñamos o impacto negativo que terá en Galicia, tanto para as persoas traballadoras como para a cidadanía.

Dende Esquerda Unida, tal e como denunciáramos en diferentes ocasións, volvemos agora a incidir en que todo este proceso de fusións e compras de bancos lévanos a unha oligarquía financeira cuxos intereses non está no beneficio para a maioría social, senón no lucro para uns poucos. O que tamén se acredita con esta situación é que nada se aprendeu do modelo económico partícipe da crise-estafa que padecemos e baseado na especulación, por riba do intereses das persoas.

Unha banca pública por e para a cidadanía

Por todo isto, dende Esquerda Unida demandamos unha banca pública, crucial para que se poida pór en marcha unha política alternativa real. Unha banca pública forte permitiría impulsar outra política económica centrada no desenvolvemento duns servizos públicos de calidade. Neste senso, defendemos que hai que nacionalizar as principais entidades financeiras europeas e substituír o actual Banco Central Europeo por unha verdadeira Reserva Federal Europea, que sexa o epicentro dun sistema financeiro público. Isto permitiría sanear os bancos e poñer os aforros da sociedade ao servizo dunha planificación democrática da economía.

Sobre a Fundación Barrié

Por último, as consecuencias para Galicia coa compra do Popular por parte do Grupo Santander van máis lonxe das cuestións financeiras, xa que pon en risco o futuro e o labor social desenvolvido pola histórica Fundación Barrié, dedicada á mellora das condicións económicas e sociais do noso país.

Dende Esquerda Unida lamentamos que estas operacións financeiras poñan en risco o labor social, como o diñeiro investido en becas e bolsas para o estudantado ou a liña de axudas dirixidas a favorecer accións de inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos, así como o traballo desenvolvido ao longo destas décadas e encadrado nas áreas fundamentais de Educación, Ciencia, Acción Social, Patrimonio e Cultura.

Neste senso, queda no aire que pasará co patrimonio atesourado pola Fundación en materia de coleccións artísticas, documentais, realizacións de exposicións e actividades de conservación e restauración do patrimonio, entre as que destaca a restauración do Coro pétreo da Catedral de Santiago.

 

Relacionados