Esquerda Unida critica que as políticas do PP aniquilan o emprego de calidade e cronifican a pobreza

Segundo os datos desprendidos está mañá dende o Ministerio de Emprego, o paro sobe en Galicia en case 3.000 persoas no mes de setembro ata situarse no total de 184.057 desempregadas na nosa comunidade. Para Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, estas cifras reflicten de novo “o fracaso das políticas de emprego postas en marcha polo Partido Popular, onde os contratos precarios e temporais seguen a gañar terreo e, atopar un traballo digno, é unha tarefa imposible”.

Segundo explica Eva Solla, os datos aparecidos esta mañá “indican o que xa sabíamos: a cronificación do desemprego e máis desigualdade social e económica, xa que seguimos a perpetuar un modelo de emprego temporal baseado en contratos precarios. Tan só o 8% dos contratos firmados este último mes foron indefinidos, fronte ao 92% temporais”, lembra Solla. “A situación vólvese máis complicada para as persoas maiores de 45 anos: só unha persoa de 25 consegue atopar un emprego. Tamén para as mozas e mozos menores de 25 anos, a franxa de idade na que máis incrementa o desemprego, o que evidencia que só acceden a empregos de extrema precariedade”, explica a coordinadora.

Dous anos despois de que España se sumara á Axenda 2030 para erradicar a pobreza, non se está a cumprir ningún dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS), suspendendo, segundo avisa a ONU, en materia laboral, volvendo crónica a pobreza laboral. Tal e como explica Solla, “as políticas da dereita só fan avanzar a precariedade, asentan as privatizacións e os recortes de servizos públicos, danando os dereitos máis básicos dunha clase traballadora cada vez máis precarizada”.

Ao que á ocupación se refire, o mes de setembro foi pésimo para Galicia: perdemos 6.631 persoas afiliadas á seguridade social, ao contrario do que ocorre no conxunto do Estado, “isto contrarresta a tendencia doutros meses estivais e explica que o que xa reiterábamos: temos un emprego cada vez máis precario e, a pobreza laboral chegou para quedarse”, remata Solla.

Relacionados