Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, cualificou “de fraude” o anteproxecto de Lei Reguladora do Xogo de Galicia que ten presentado o PP e que pretende actualizar a obsoleta Lei do Xogo. “Valoramos hoxe o anteproxecto presentado polo PP sobre o xogo como unha auténtica fraude, que non aborda todos os compromisos e demandas sociais en relación á necesidade de frear a implantación do xogo no noso país”, sinalou Solla en rolda de prensa.
“A Xunta de Galicia tardou máis dun ano en presentar un anteproxecto e o fai despois de que Esquerda Unida tivera presentado a súa proposición de Lei e, ao contrario da nosa, é unha fraude e non defende á mocidade nin ás familias, tal e como prometeron”, di a coordinadora de EU. En primeiro lugar, “porque esta lei non aborda claramente a regulación da publicidade das casas de apostas”, mentres que dende EU pedimos a eliminación da publicidade relacionada coa promoción, difusión e patrocinio de calquera forma de xogo por diversas vías (tanto en medios de comunicación como en Internet) encamiñadas a mostrar o xogo e as apostas como ocio. “Sen embargo, a Xunta deixa aberto este punto ao arbitrio dunha autorización, polo que esta publicidade non queda prohibida e non resolve este serio problema que acaba por normalizar o xogo”, apunta.
En segundo lugar, “nesta Lei non se establece ningún mecanismo de acceso ás máquinas comecartos”. Dende EU propomos elementos encamiñados a impedir que se acceda a estas máquinas por mecanismos semellantes ás máquinas de tabacos ou despois dunha comprobación de maioría de idade, ademais de que estas máquinas non estean accesibles para menores.
“Outra das novidades que EU introducía na Proposición de Lei, é un elemento importante: as casas de apostas non son bares, polo que é importante desvincular o consumo de alcohol do xogo, é dicir, ten que prohibirse a venta de alcohol nestas casas de apostas, algo que non sae mencionado na Lei Proposta pola Xunta de Galicia”, matiza Solla.
“Respecto ás distancias das casas de apostas, o Anteproxecto da Xunta é un absoluto fraude, xa que mentres que EU propuxo a distancia dun quilómetro entre as casa de apostas e os centros xuvenís, colexios… a distancia que marcan eles é irrisoria, de 150 metros, e só contempla os colexios, non importan os parques infantís, os lugares de ocio ou as instalacións deportivas. Por iso dicimos que esta lei é só para salvar a cara, pero non para satisfacer ás demandas sociais”, analiza.
Ao seu xuízo, “a Xunta debería tomar nota das demandas dos profesionais e das familias”. O xogo non é ocio, é un negocio que está relacionado cun modelo social que dende EU rexeitamos. É por iso que dende Esquerda Unida imos seguir a traballar coas asociacións e a reunirnos coas asociacións de veciños, tanto de barrios como Os Mallos na Coruña ou o barrio de Navia en Vigo, para escoitar as súas demandas. “Este é un problema que afecta as familias e a sociedade, que entende que o xogo e as casas de apostas non están relacionadas e que estas teñen que estar fóra do alcance da mocidade”, remata.