A crise da CoVid_19, ao contrario que a do 2008 da austeridade e dos recortes, debe abordarse dende o punto de vista da reconstrución da esfera pública e da loita contra a precariedade laboral. Esta precariedade amosouse durante a pandemia como patrimonio das mulleres, sendo a gran maioría das traballadoras do eido sanitario, aumentando a súa carga de traballo no fogar (un 70% das tarefas, engadindo a sobrecarga de traballo co teletraballo á que non se lle deu resposta dende administracións, empresas nin sociedade), nos coidados (o 85% do persoal que traballa en fogares e coidando dependentes segundo a EPA) e no fogar, e realizando unha parte moi importante dos traballos esenciais (alimentación, limpeza, comercio), que son fundamentalmente precarios. A todo isto engádense a brecha salarial que afectará ás súas pensións, as taxas de paro máis elevadas, o maior risco de pobreza e exclusión social, e as enormes dificultades de conciliación familiar, especialmente nas familias monomarentais. Por elo, non podemos permitir unha resposta á crise sen unha perspectiva de xénero que loite contra as evidentes desigualdades que viven as mulleres no noso sistema económico.
A desigualdade denunciada polo feminismo é estrutural, global, establecida e sostida por un sistema capitalista patriarcal cuxo obxectivo é obter beneficios e privilexios para uns poucos a costa das persoas máis vulnerables e oprimidas, case sempre mulleres en toda a súa diversidade (migrantes, racializadas, trans, mozas, ancianas, con diversidade funcional…), vítimas dos maiores niveis de explotación laboral á que se une a violencia sexual (acoso laboral, prostitución…), do cal foron totalmente desprotexidas durante a pandemia. Así pois, xa que as políticas deben situar no seu centro a protección das persoas máis vulnerables, este 8M de 2021 reivindicaremos un pacto de recuperación económica para compensar os efectos da pandemia que inclúa esta perspectiva de xénero, en aras de reducir a invisibilidade histórica da muller e perseguir unha igualdade real.
Por todo isto, a Agrupación Comarcal de Esquerda Unida da Coruña, vén de presentar unha moción aos Concellos da área metropolitana da Coruña (A Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carballo, Carral, Culleredo, Laracha, Oleiros e Sada) para instarlles a comprometerse a promover e aplicar a perspectiva de xénero nas accións que desenvolva para evitar que o CoVid_19 incremente as desigualdades e discriminacións, e promover un 8M sanitariamente seguro que visibilice a necesidade de facer políticas que pugnen por acadar a igualdade laboral e social pese á crise da pandemia. En verbas da Coordinadora Comarcal de Esquerda Unida da Coruña, “é necesario cambiar o modelo capitalista patriarcal por modelos de igualdade, xustiza, liberdade e diversidade, e o feminismo segue a ser esencial para loitar contra a intolerancia e o odio, e transformar a sociedade”.