Esquerda Unida de Ferrol mantén unha xuntanza con CC.OO. e amosa o seu apoio á folga do 10 de marzo

Esquerda Unida Ferrol vén de manter unha xuntanza con Comisións Obreiras para abordar a problemática que está a someter a nosa comarca a un escuro futuro laboral.

Na tarde de onte, a Coordinadora Local de Esquerda Unida Ferrol, Ana Gonzalez Basanta, mantivo unha xuntanza co Secretario Local de CCOO, Santiago Díaz, na que abordaron a alarmante situación na que se atopa a comarca de Ferrolterra. Nesta reunión amosaron a súa preocupación pola perda de empregos causada polo peche de empresas coma Endesa, recentemente anunciado,  ou a falla de carga de traballo para o Naval, que supón unha condea ao desemprego para moitos veciños e veciñas que traballan nestes sectores.

Ambas organizacións concordan en que a situación que estamos a vivir non é dun día para outro, se non consecuencia das nefastas políticas industriais, o desinterese na transformación enerxética que debeu xestionarse fai moito tempo atrás e a falla de acción e previsión por parte de todos os gobernos, cómplices nesta foto en branco e negro na que estase a sumir Ferrolterra.

EU Ferrol considera que a comarca leva anos sendo arrastrada cara ao desemprego,  a precariedade e a perda progresiva de poboación, sen que ningún goberno mirase cara ela, e agora atopámonos ao límite, polo que é fundamental que todas as forzas, organizacións e veciñanza en xeral esteamos unidas para demandar solucións que eviten a perda de traballo da nosa xente.

A situación socioeconómica da comarca estase a resentir máis que nunca, pois xunto ás novas da nula carga de traballo no naval, que seguirá a engrosar as listas do INEM dentro de pouco; o peche de empresas de gran calado que daban traballo a centros de familias; a problemática do sector marisqueiro da ría, que ve reducida a súa actividade a mínimos históricos; súmase a desesperación dos pequenos negocios que levan subsistindo dende o principio da pandemia, afectados polas limitacións sanitarias pero non axudados polos que as impoñen.

EU Ferrol considera  que  é  necesario  que  tanto  Goberno central coma a Xunta de Galicia poñan en práctica as súas respectivas competencias en política industrial e promoción económica, máis nun caso de longo percorrido coma o da comarca. Neste momento Ferrolterra precisa de investimentos públicos e se é preciso de intervención pública, ademais dun Plan de transición enerxética que podería evitar a perda de máis empregos.

Dende EU Ferrol celebramos a unidade sindical coa que se convoca a folga comarcal do 10 de marzo e facemos un chamamento a participar nela de forma maioritaria, pois estamos a xogarnos o noso futuro e o das vindeiras xeracións. Así mesmo, apoiaremos e participaremos activamente no calendario de actuacións que o movemento sindical irá convocando, pois temos que ser incansables ata que sexamos escoitados e as promesas convértanse en accións que salven a nosa comarca desta situación de emerxencia.

Relacionados