Esquerda Unida vén de celebrar na Casa Casares Quiroga unha charla sobre a violencia vicaria, o uso dos menores por parte dos seus proxenitores ou terceiras persoas para causar dano ás súas nais, na que participou Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Estrela Gómez, representante da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (Agamme) e Andrea Arévalo, activista feminista.
Para Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, “mostrar que é a violencia vicaria é fundamental ”. Tal e como explica Solla, “segundo datos oficiais, dende o ano 2013, no Estado, 34 menores foron vítimas mortais da violencia vicaria. Pero, en realidade, o 63,6% de todas as mulleres que denuncia violencia machista teñen fillos e fillas ao seu cargo, polo que hai un elevado número de menores expostos”.
“Por esta cuestión, demandamos máis protección ás vítimas dende as institucións e chamamos a facer pedagoxía para entender que os agresores machistas nunca poden ser bos pais”.
Respecto a violencia vicaria, Estrela Gómez lembrou que “nos últimos anos se foron producindo pequenos avances no recoñecemento do impacto da violencia de xénero nos nenos, nenas e adolescentes. De feito, a lei recoñece aos fillos e fillas das mulleres que sofren violencia de xénero tamén como vítimas. Sen embargo, cando se ten que dar o paso de activar medidas de protección fronte aos proxenitores violentos, os xulgados continúan a aplicar unha serie de patróns que deixan completamente vulnerables aos nenos e as nenas, incluso cando expresan sentimentos de medo”.
Para Estrela Gómez, “é no contexto de máxima vulnerabilidade, no que o agresor mantén como único medio de contacto o control sobre os fillos e as fillas onde se xesta a violencia vicaria. É, polo tanto, un contexto no que participan, con maior ou menor responsabilidade, diversos axentes sociais, administrativos, o xudiciais”. Segundo Estrela Gómez, neste punto hai que ter moi en conta factores como o silenciamento das vítimas ou o escepticismo sobre o seu relato: “cómpre aprender a escoitar ás vítimas e non atacar a súa palabra”, apunta.
Pola súa banda, Andrea Arévalo lembrou que a violencia vicaria aparece cando “se busca facer dano a nai dende os fillos ou as fillas”. “Cando por fin a muller da o paso de denunciar e separarse do maltratado, segue a sufrir esa figura patriarcal na custodia compartida. Entón, o maltratador adopta a figura de vítima, alegando que as denuncias eran falsas, que se as e os fillos o necesitan, etc.”, apunta. “Aínda que ás veces non sofren os golpes, con estas conductas os menores poden ter lesións afectivas e, o máximo dano, sería o asasinato”.
Para que esta espiral de violencia non siga, “o obxectivo da charla pasa por dar a coñecer este problema na sociedade, traballar a prol de protexer aos menores, actualizar a lexislación e reactivar o Pacto de Estado contra a violencia”, remata Arévalo.