Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e Xabier Ron, membro da executiva de Esquerda Unida, presentaron en rolda de prensa o acto do vindeiro 25 de Xullo, unha homenaxe ao alcalde republicano mugardés Juan Prieto Balsa fusilado polos golpistas na noite do 24 de xullo de 1936 á beira do río Ombre, na localidade de Pontedeume.
A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, explicou que “este é un acto fraterno, onde nos xuntamos as e os militantes de Esquerda Unida, onde poñemos en relevancia a nosa Memoria Democrática e lembramos que foron as compañeiras e compañeiros do Partido Comunista de Galicia (PCG) quen traballaron no primeiro Estatuto de Galicia e tiveron un papel clave neste tempo”, dixo. “Porque non é certo que a democracia comece en 1977, iniciouse antes, en 1931, durante a Segunda República”, lembrou Eva Solla.
Precisamente por iso, segundo a coordinadora, realizamos esta homenaxe ao primeiro alcalde democrático que tivo Mugardos, Juan Prieto Balsa, “que construíu o municipalismo no país e cría firmemente nos valores republicanos. Precisamente, neste marco de recuperación da Memoria, queríamos facerlle unha homenaxe na Praza do Concello mugardesa a este alcalde comunista, xusto diante da placa que homenaxea a todas as vítimas da ditadura franquista”, deu a coñecer.
“Ademais —afondou a coordinadora de EU— este acto conforma tamén un recoñecemento ao feito de termos alcaldesa de Esquerda Unida no concello de Mugardos”.
Pola súa banda, Xabier Ron, membro da executiva de Esquerda Unida, incidiu na importancia de manter viva a Memoria de Galicia, “relacionándoa co día en que se defende a lingua, a cultura e os valores da nosa terra; porque o futuro non se pode construír sobre o esquecemento, o silencio e a amnesia do noso pasado”.
Xabier Ron fixo fincapé na “importancia de ser unha nación con Memoria”, título tamén do Manifesto do 25 de Xullo que se lerá no acto. “Con este manifesto queremos recuperar e facer pedagoxía para que o futuro se constrúa dende outro enfoque e imaxinario, non dende un sistema imposto por Franco e monárquico. Nestes anos escuros, tentouse expulsar do imaxinario os aires da República, os seus valores de liberdade e democracia, que agora temos que recuperar, cun Estatuto digno para a Galicia do futuro que queremos”, rematou.
O acto en que se conmemora o Día de Galicia terá lugar en Mugardos a partir das 12 horas, e contará coa participación da alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, e o membro da executiva de Esquerda Unida, Xabier Ron. Despois, celebraremos un xantar de confraternidade coa militancia para compartir un día de festa, Memoria e reivindicación da nosa Historia.