Esquerda Unida demanda á Xunta que elabore un informe que certifique a caída de actividade no sector do taxi.

Esquerda Unida súmase ás reclamacións das asociacións do taxi que demandan á Xunta de Galicia que emita un informe oficial onde se reflicta a baixada de actividade que está tendo o sector coa fin de poder acollerse ás axudas públicas existentes.

Segundo reflicte a asociación Élite Taxi, que vén de remitir unha misiva á Xunta demandando se atenda esta situación, “o taxi está tendo problemas en poder acceder a calquera das prestacións/subvencións/axudas que os diferentes estamentos públicos están a ofrecer”. Esta circunstancia derívase da ausencia dun documento oficial que certifique a baixada da actividade, que si ten elaborado a administración autonómica para outros sectores da Comunidade.

Por iso, solicitan á Xunta de Galicia a emisión “dun informe xustificativo da actividade que na actualidade está a ter o Sector do Taxi en relación co abrumador descenso no servizo que está tendo esta actividade nas circunstancias actuales”.

Esquerda Unida súmase a esa demanda que valora como totalmente xusta e necesaria para permitir a subsistencia de moitas familias que viven deste sector. Segundo a Coordinadora Nacional, Eva Solla: “Parece unha obviedade a redución dos servizos dado que a maioría da poboación permanece no confinamento nas súas vivendas, polo que é necesario que a Xunta atenda a esta cuestión igual que xa fixeron outras CCAA”.

Polo tanto a organización demanda á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade que escoite ao sector e formalice a certificación pertinente.

Relacionados