Esquerda Unida denuncia a improvisación da Xunta de Galicia nas medidas de restrición adoptadas hoxe en relación ao coronavirus

Esquerda Unida valora como unha improvisación o feito de que a Xunta de Galicia publique as novas medidas de peche perimetral e prohibición de reunión de persoas non convivintes quince minutos antes da súa entrada en vigor.

A complexa situación sanitaria e o incremento de casos de Covid-19 en Galicia deberían ter feito que a Xunta de Galicia tomase medidas para restrinxir a interacción social con máis antelación e dando tempo tanto ás familias como ás empresas a adaptarse e non agardar ao inicio da ponte de defuntos para tomar esta decisión.

“O pasado luns o Presidente Feijóo compareceu para criticar o Estado de Alarma e non anunciar ningún tipo de medida, a pesar de que o resto de comunidades estaban adoptando decisións de peche dos seus territorios. É irresponsable agardar a última hora cando as familias xa teñen organizados os seus desprazamentos e cando moitos negocios, incluída a hostelaría, ten mercadoría adquirida para esta fin de semana que suporá unhas perdas que terían sido evitables.” sinala Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida.

Esquerda Unida denuncia ademais “o absurdo de que onte se tivese reunido o Conselleiro de Sanidade con varios alcaldes e alcaldesas e non se lles houbese anticipado a posibilidade destas medidas. Un feito que transparenta a ausencia de colaboración da administración autonómica coas entidades locais” manifesta Solla.

Esquerda Unida chama á Xunta de Galicia a tomarse máis en serio a gravidade sanitaria da pandemia e o seu impacto económico e abandonar a improvisación na que está instalada.

Relacionados