Esquerda Unida denuncia a inacción das administracións ante o peche do centro operativo de Naturgy na Coruña

Esquerda Unida reclamou publicamente no mes de febreiro, logo de reunirse cos traballadores afectados que as administracións e en especial a Xunta de Galicia que ostenta as competencias en materia de Industria actuasen ante o anuncio de Naturgy de un inminente peche do seu centro operativo na Coruña.

O centro operativo atende as incidencias na maioría da rede eléctrica galega en baixa, media e alta tensión, polo que o coñecemento do territorio e a súa experiencia teñen suma importancia á hora de resolver ditas incidencias tendo en conta a dispersión territorial de Galicia. O traslado deste centro suporía un deterioro da calidade do servizo e demoras na resolución de problemas, que nos meses de inverno non son infrecuentes durante os temporais.

O peche e a posible deslocalización a Madrid supón tamén a perda de varias decenas de postos de traballo nunha situación na que o paro non para de medrar e o goteo de peches na industria supoñen unha sangría para Galicia.

Pese á urxencia desta situación practicamente nada se ten feito por parte das administracións para solventalo. O acordo selado no Parlamento de Galicia a principios de marzo non se ten aplicado e a Xunta confirmou esta semana ante os traballadores que se van limitar a comentalo coa empresa.

Esquerda Unida denuncia a pasividade das administracións ante o desmantelamento da industria en Galicia e a desprotección das e dos consumidores que, pese a pegar elevadas cantidades pola enerxía eléctrica, se atopan á mercede das subministradoras que neste caso, deciden empeorar a calidade do servizo.

Esquerda Unida apoia a loita dos traballadores do centro operativo de Naturgy da Coruña en defensa dos seus postos de traballo e esixe á Xunta que actúe de forma real con carácter urxente para impedir este novo peche.

Relacionados