Esquerda Unida denuncia a persistencia privatizadora do concello

No pleno municipal deste martes 22 de febreiro, o Concello de Ponteareas aprobou inicialmente a “estrutura de custes para a xestión, en réxime de concesión, do servizo do ciclo integral da auga”. Esta estrutura de custes será sometida a información pública durante un prazo de 20 días durante os cales se poderán presentar alegacións. Este é un trámite obrigatorio para todos os contratos de máis de cinco millóns de euros que realicen as administracións públicas. Trátase dun paso máis na continuación da privatización do servizo.

Esquerda Unida denuncia unha vez máis o incumprimento por parte do goberno de Ponteareas do acordo plenario de 2018 onde tanto BNG como o PSOE  se comprometeron coa iniciativa de EU de dar inicio ao proceso de remunicipalización da xestión da auga en Ponteareas. Dende entón non fixeron nada ao respecto nin xustificaron de ningún xeito o incumprimento. O certo é que para Esquerda Unida non é sorprendente esta actuación xa que ten claro que tanto BNG como o PSOE, máis alá da propaganda, están comprometidos coas políticas neoliberais de privatizacións. Mostran de cara afora a súa faciana socialdemócrata, pero nos feitos actúan como calquera partido de corte liberal coma o PP.

Deste xeito unha vez máis BNG e PSOE porán a favor dunha empresa privada, previsiblemente unha gran transnacional, toda a inversión pública en materia de abastecemento, saneamento e depuración de augas. Os gastos para o sector público que pagamos a veciñanza e os beneficios para as grandes empresas privadas. Esa é a realidade das políticas que están a levar a cabo. Cabe lembrar, para máis gravidade do asunto, que o pasado xaneiro asinouse un convenio entre ACUAES, Xunta de Galicia e Concello de Ponteareas para a ampliación da depuradora de augas residuais e a mellora do saneamento. Dito convenio contempla a inversión de 11,7 millóns de cartos públicos, cartos que BNG e PSOE porán tamén ao servizo da obtención de beneficios por parte dunha empresa privada.

Con este acordo, non soamente poñen a inversión pública ao servizo do beneficio privado, se non que ademais renuncian ao control directo da xestión da auga nuns momentos nos que estamos a ver como unha xestión responsable dos recursos hídricos é máis necesaria que nunca. Ademais hai que ter en conta que este tipo de contratos son sempre de longa duración, polo que proporcionarán tamén a estas empresas especuladoras dos bens públicos unha clientela forzosa durante moitos anos, xa que a xestión privada do ciclo da auga é unha forma de monopolio privado.

Esquerda Unida denuncia a hipocrisía das forzas do goberno municipal cando reclaman a xestión pública das cuestións que non son da súa competencia, coma a sanidade, pero manteñen as privatizacións cando teñen a oportunidade de revertilas.

 

 

 

Relacionados