A agrupación local de Esquerda Unida denuncia que o Concello do Grove, a través dunha xestión externa, está enviando requirimentos á veciñanza para facer fronte ao pago do recibo do lixo dos últimos cinco anos, por vivendas inhabitadas ou inhabitables.
Segundo o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, no último mes foron varias as veciñas e veciños “que sufriron este atropelo e cando se achegan ás dependencias municipais na procura de información, a única resposta que se atopan é que está xestionado por unha empresa externa e que teñen que dirixirse a ela”. “O concello é o responsable da taxa e, como tal, ten que resolver as dúbidas e xestionar a solución á veciñanza” sentenza Otero.
O esquerdista indica que esta circunstancia está a provocar malestar entre as veciñas e veciños “pois o cobro deses recibos son por vivendas que, ou nunca estiveron habitadas ou non son habitables ao atoparse sen divisións ou en estado ruinoso”, e nalgúns casos supón gastos engadidos xa que “moitas destas persoas, teñen agora que certificar que esa vivenda é inhabitable ou que nunca foi habitada, segundo o caso, o que lles implica contratar o servizo de persoal cualificado”.
Así mesmo dende Esquerda Unida non entenden que se lles aplique o cobro polos últimos cinco anos, ”cando durante ese tempo a veciñanza afectada non recibiu ningún requirimento e non existe recibo algún deses anos”.
Otero considera que “isto non é máis que a consecuencia da mala xestión do goberno municipal ao externalizar un servizo de cobro da taxa pois, a empresa, ao obter os beneficios do recadado, procurará emitir o maior número de recibos sen atender á realidade das vivendas e propiedades da veciñanza”. Por ese motivo, dende Esquerda Unida piden ao concello que poña a disposición da veciñanza o persoal e os medios precisos para solucionar esta situación.