Esquerda Unida denuncia neste 1 de Maio o aumento de sinistralidade laboral e o mantemento da precariedade laboral en Galicia

“Hoxe celebramos este Primeiro de Maio nun marco de incremento da mobilización social, e non é para menos, xa que estamos a vivir nunhas condicións que deterioran a situación da clase traballadora”, sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, neste 1 de Maio, a data máis significativa para a clase traballadora do noso país, que sae ás rúas para demandar máis dereitos que melloren o seu traballo e a súa calidade de vida.

Segundo a sinistralidade laboral, “vemos como Galicia é, desgraciadamente, a primeira comunidade con máis accidentes laborais con causa de morte, dobrando a media do Estado. Isto é unha barbaridade e consecuencia da ausencia de inspección, de investimentos suficientes e de políticas de creación emprego de calidade por parte da Xunta de Galicia”, explica Eva Solla. No que a calidade do emprego se refire, “ata 7.000 persoas no noso país son obrigadas a exercer como falsas autónomas, perdendo dereitos e calidade no seu emprego. Esta situación, que semella non importar á Administración, esténdese tanto ao traballo público como ao traballo por conta allea ou propia, e tamén afecta ás persoas que seguen a engrosar as listas do paro sen atopar un emprego digno”, apunta.

Respecto ao marco de incremento da mobilización social, para a coordinadora nacional de Esquerda Unida, é obrigado lembrar o éxito da Folga do 8 de Marzo, “cando as mulleres dimos un exemplo de por onde ten que vir a loita social”, así como “as mobilizacións das e dos pensionistas”, dúas mobilizacións coas que “non teríamos gañado ese incremento das pensións por parte do Goberno, un incremento que non é suficiente –queremos que derroguen a Reforma e eliminen o factor de sostenibilidade– aínda que non se conseguiría esa pequena vitoria se non fose pola presión das rúas”, indica.

“Entendemos que estes exemplos, das persoas maiores ou da loita feminista, deben enmarcar e motivar o incremento da mobilización social, que temos que trasladar a un proceso continuo de mobilización e reivindicación que ten que levar a eliminar as políticas deste Goberno, totalmente regresivo, co que se está a afianzar a perda de dereitos da clase traballadora en troques de percibir ningún tipo de mellora acompasada ao incremento do PIB do noso país”, reflexiona Solla.

Por todo iso, dende Esquerda Unida seguiremos a apoiar aos colectivos sociais, tanto nas institucións como nas rúas, en aras de conseguir máis e mellores dereitos para a clase traballadora, así como pular por unha vida e un traballo digno para a cidadanía.

Relacionados