Esquerda Unida denuncia o abuso e a situación de acoso inmobiliario por parte da Xunta de Galicia a unha anciá de Ourense

Esquerda Unida vén de coñecer que a Fiscalía de Ourense vai querelarse contra dous cargos da Xunta de Galicia por acoso inmobiliario a unha anciá que vive nun carto piso dun céntrico edificio de Ourense. “Foi no ano 2001 cando a Xunta deixou de cobrarlle os recibos e, despois, reclamoulle a entrega do piso. A continuación suprimiu a limpeza, o mantemento da vivenda e a eliminación do ascensor, o que fai que a anciá, de máis de 90 anos, non poda saír á rúa. Todo isto significa un serio acoso inmobiliario e un claro abuso por parte da administración, que tamén tentou o desafiuzamento por vía xudicial”, explica a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla.

Agora, o fiscal xefe de Ourense presentou unha denuncia contra a Xunta de Galicia e solicita para dous cargos da Xunta un presunto delito de coaccións inmobiliarias a esta muller, que ten un contrato de alugueiro de renda antiga. Segundo explica Eva Solla, “ao Goberno non lle interesa pór en marcha políticas a prol da vivenda digna para a maioría social, senón só leva a cabo medidas neoliberais que van máis encamiñadas a salvagardar ás institucións que á propia cidadanía”.

O caso de Cambre

Respecto á vivenda social, estamos a padecer, dunha banda, unha burbulla do aluguer creada polas políticas do PP (o prezo medio dunha vivenda en A Coruña ou Vigo ronda os 500 euros) e, doutra, non deixamos de ver casos de privilexios para os especuladores, como se ve no caso de Cambre, onde vivendas que estaban baixo protección social deixaron de estalo, afectando a 50 familias que viven en vivendas protexidas, adquiridas agora por fondos voitres.

Dende Esquerda Unida consideramos que esta situación é intolerable e instamos á Xunta a buscar unha solución para a situación que vive a anciá de Ourense e as familias de Cambre, así como erradicar a lacra dos desafiuzamentos e das políticas neoliberais que acaban por deixar á cidadanía desprotexida e sen o dereito a ter unha vivenda digna, recollido na Constitución Española.

Relacionados