Esquerda unida

Esquerda Unida denuncia o aumento de traballadoras e traballadores pobres e a constante destrución de emprego indefinido e de calidade en Galicia

Segundo datos do Ministerio de Emprego, Galicia perdeu no pasado mes, respecto ao mes anterior, 3.424 persoas afiliadas á Seguridade Social, chegando a ter un total de 169.744 persoas en desemprego na nosa comunidade. Ademais, de cen mil contratos asinados en outubro, o 90% eran temporais, o que demostra que o capitalismo financeiro segue a destruír o emprego indefinido e de calidade no noso país.

En outubro, o incremento do paro rexistrado en Galicia chegou ao 2%, superior á media estatal, de 1,6%. Ademais desta suba de desemprego, nestes anos, o mercado laboral galego segue a manifestar un serio problema que non remite: a destrución de emprego de calidade e a creación de novos empregos precarios que fan que as propias traballadoras e traballadores, e ou as súas familias, vivan baixo o limiar da pobreza.

Precisamente, pola mala calidade do emprego, estas semanas saíron ás rúas colectivos como o das traballadoras de elaborados do mar, un sector marcado pola precariedade laboral que demanda un convenio digno que teña en conta unha subida salarial e mellores condicións laborais.

Tamén as pensionistas saíron ás rúas, xa que case o 40% das pensións que perciben galegas e galegos teñen un importe inferior ao limiar da pobreza.

O recentemente publicado VIII Informe sobre O Estado da Pobreza, elaborado pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN), corrobora o que vimos denunciando durante anos: ter un emprego non é garantía de estar fóra lo limiar da pobreza. De feito, o informe sinala que unha de cada tres persoas pobres ten un emprego remunerado e alerta de que a redución do poder adquisitivo das persoas traballadoras é xa unha constante no país. Este estudo lembra que o 22% da poboación galega está en Risco de Pobreza e/ou Exclusión Social e, segundo explica, as diferencias entre homes e mulleres son especialmente preocupantes, xa que a maioría de persoas en risco de pobreza e/ou exclusión social son mulleres.