Esquerda Unida denuncia que a Consellería de Sanidade siga optando por manter en mans privadas o servizo de logopedia e atención temperá infantil

A Xunta de Galicia continúa adiante cun proceso de licitación para contratar servizos privados de logopedia, atención temperá e rehabilitación na área sanitaria de Vigo. Un contrato cun valor de 1,3 millóns de euros e que suporía seguir mantendo fóra do SERGAS estes servizos imprescindibles para tratar moitas patoloxías infantís.

Os profesionais da logopedia en Galicia teñen trasladado en máis dunha ocasión a baixa ratio de profesionais existentes dentro do Servizo Galego de Saúde e a desigualdade entre áreas sanitarias. Galicia só conta cun profesional da logopedia na sanidade pública por cada 150.000 habitantes, pese a seren indispensables para a prevención, avaliación e recuperación dos trastornos da audición, fonación e linguaxe, así como aqueles relacionados coa deglutición e mastigación. O que fai imprescindibles estes servizos para atender moitas patoloxías conxénitas ou adquiridas en nenas e nenos.

Igualmente no caso da fisioterapia e da psicoloxía clínica, o número de profesionais na sanidade pública son realmente escasos, non estando tan sequera implantada a psicoloxía coma servizo na atención primaria.

Desde Esquerda Unida trasládase que o feito de que a Xunta volva optar unha vez máis pola privada á hora de proporcionar este servizo denota o desprezo pola importancia destes profesionais dentro da sanidade pública, feito que se demostrou tamén durante a crise do coronavirus, xa que neste verán foron eliminados os terapeutas de reforzo que foran contratados na área sanitaria de Vigo durante a crise sanitaria, tal e coma denunciou a Plataforma de Terapeutas da Área Sanitaria de Vigo.

Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, traslada que “deste xeito, a Xunta evita dar ao servizo de atención temperá e logopedia e rehabilitación a dimensión que necesitan os nenos e nenas de Vigo, despreza a relevancia destes profesionais no sistema público e contratando este servizo privado, impide que estas traballadoras teñan mellores condicións laborais. En definitiva, o Partido Popular continúa apostando polo privado fronte ao interese público.”

Esquerda Unida demanda á Xunta de Galicia que se sente cos colexios profesionais e sindicatos e acorde un plan para a implantación destes servizos na sanidade pública na área de Vigo e no resto de Galicia, coas ofertas públicas de emprego e orzamento pertinente.

Relacionados