Esquerda Unida denuncia que a Xunta de Galicia segue a suspender na planificación e prevención de lumes

Esquerda Unida demanda un ano máis a implicación da Xunta de Galicia en labores precisas e efectivas de extinción de lumes, así como a prevención dos mesmos, tendo moi presente a vaga de lumes do pasado ano. Se ben o Goberno galego aprobou fai tres meses o Plan de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), este documento deixa ver que “o dispositivo” que prepara o Goberno Galego será moi similar ao de 2017 e o persoal contratado será exactamente o mesmo.

Segundo explica Guillermo Crego, responsable de Estratexias para o Conflito de Esquerda Unida, “os montes arden por múltiples motivos, pero algúns poden evitarse. Entre estes, destaca especialmente a ineficacia da Xunta de Galicia, que inverte o groso de partida orzamentaria, ano tras ano, en medidas de extinción, en vez de gastalo en medidas de prevención”. Neste punto tamén fai fincapé o  informe de Greenpeace “Protexe o bosque, protexe a túa casa”, onde Galicia suspende en “planificación” e “prevención” de lumes, aínda sendo unha comunidade asolagada por incendios forestais.

Outro dos problemas graves é a precariedade que sofre o sector, “este déficit de recursos implica termos medios técnicos limitados e insuficientes das unidades de acción directa contra o lume”, sinala Guillermo Crego. Rematar coa precariedade no sector e establecer un modelo público e único é fundamental na prevención dos lumes. Non entanto, “en vez de aumentar o cadro de persoal brigadista, a Xunta pretende incrementar a carga horaria (ata 12 horas de traballo) e recortar os seus dereitos, cando hai que facer xusto o contrario: mellorar as precarias condicións de traballo e aumentar o persoal”. Precisamente, por esta situación de precariedade laboral que están a vivir os axentes forestais, adscritos á Consellería de Medio Rural, seguen en folga a día de hoxe, aínda que sinalaron que non deixarán de cubrir os servizos mínimos para afrontar a vaga de calor cun 100% de efectivos.

Por último, dende Esquerda Unida denunciamos de novo a errática política do PP en materia de lumes e vemos imprescindible traballar nunha Estratexia Integrada da Loita contra o Lume, que abranga nun Plan máis completo e baseado en máis prevención, políticas de xestión que eviten o abandono do monte e dispositivos máis amplos para evitar que se produzan lumes de gran envergadura, así como impulsar medidas de política forestal e progresiva redución de especies pirófitas como os eucaliptos, de protección do noso territorio e conservación do monte galego, en serio perigo por intereses económicos.

Relacionados