Esquerda Unida denuncia que as políticas de Feijóo constantan un continuo aumento do desemprego

Os Servizos Públicos de Emprego Estatal (SEPE) deron a coñecer esta mañá que o desemprego aumenta en novembro en máis de mil trescentas persoas, ata situarse no total de 165.659 persoas desempregadas na nosa comunidade. En palabras da coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla, “as cifras demostran que o mercado laboral galego depende en gran medida da estacionalidade e, cando remata a tempada de verán, o desemprego aumenta de novo: e así levamos ata catro meses consecutivos”.

“Neste punto é fundamental reflexionar sobre o nefasto modelo produtivo que temos, todo un fracaso das políticas de Goberno do Sr. Feijóo e moi afastado do que precisamos para Galicia”, asume. “O PP segue a perpetuar un modelo de emprego temporal precario que fai que a xente moza siga a marchar, nunha sangría que semella non ter final. Paralelamente, este modelo está moi relacionado coas privatizacións e os recortes nos servizos públicos. Nestes dez anos de desgoberno de Feijóo a economía galega segue en recesión, os datos do paro son malos e estamos nunha parálise económica con consecuencias moi negativas que repercuten na cidadanía”, sinala Solla.

Estas cifras son especialmente cruentas, ademais de coa mocidade, coas mulleres. “Case o 60% das persoas que están en desemprego son mulleres e, as que traballan, ingresa menos cos homes. A fenda salarial, que no ano 2016 chegaba a un máximo histórico do 30% en Galicia, lastra a emancipación das mulleres no noso país e incide na feminización da pobreza”, apunta Solla.

“Nestes últimos anos, asistimos a un empobrecemento total da clase traballadora, un problema que é xa estrutural ao que temos que sumarlle a modalidade contractual precaria presente en case o 90% dos contratos. Grazas ás políticas neoliberais do PP asumimos que xa temos consolidado o traballador pobre”, precisa Solla.

Pese a que o PP persiste na súa teima de que deixamos atrás a recesión, os datos son claramente contrarios. O octavo informe da Fundación Foessa sinala que cada vez máis persoas atravesan unha exclusión severa e tamén que deixa ver que os empregos precarios e a inestabilidade laboral afectan cada vez a máis persoas. “A destrución de emprego de calidade substitúese pola creación de traballos precarios que moitas veces non son capaces de cubrir as necesidades básicas das familias”, sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida. Ante a incapacidade do Goberno Galego de xerar emprego de calidade, dende Esquerda Unida defendemos que é necesario seguir a traballar cara un cambio de modelo sustentable que cree emprego de calidade.

Relacionados