Esquerda Unida denuncia que as políticas do PP levan a ter un mercado laboral mermado, precario e en constante destrución de emprego indefinido

Segundo o Ministerio de Emprego, en Galicia o paro sube en 5.505 persoas, aínda que os datos revelan que o número de afiliacións á seguridade social descende ata 13.738 persoas, debido a diferentes factores, tales como o desánimo, a emigración ou unhas condicións laborais que non son atractivas. Dende Esquerda Unida vemos preocupadas como nestes anos, “o mercado laboral galego segue a diminuír e manifesta un serio problema, xa que a destrución de emprego de calidade substitúese pola creación de traballos precarios que, en moitos casos, non chegan para cubrir as necesidades básicas das familias”, sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla.

Segundo o último informe da EAPN, sobre o Estado da Pobreza en Galicia, o índice Arope cifra que case o 23% da poboación, unhas 612.000 persoas, están na pobreza o en risco de caer nela.

“As políticas do PP seguen a destruír o emprego indefinido en Galicia onde máis do 90% dos contratos son temporais e a creación de novos empregos é moi irregular, polo que hai que facer unha seria reflexión sobre o nefasto modelo produtivo que temos imposto polo dereita e moi afastado do que precisamos para Galicia”, apunta Solla.

“O modelo de perpetuación do emprego temporal e de miseria está asentado tamén nas privatizacións e nos recortes constantes nos servizos públicos. Un exemplo desta pésima xestión é o caso da sanidade galega, onde o persoal sanitario reclama que se atenda as súas demandas para dar unha axeitada calidade de servizo; motivo polo que este domingo 10 de febreiro acudiremos á mobilización na defensa da sanidade pública coa fin de acabar coa precariedade laboral e recuperar todos os servizos e centros privatizados”, remata a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Ante a incapacidade do goberno de xerar emprego de calidade, defendemos que a inclusión ao mercado laboral das persoas con dificultade para acceder ao mesmo podería solventarse aplicando o modelo de emprego garantido proposto por Esquerda Unida, que pasa pola creación directa dun millón de postos de traballo en todo o Estado.

Relacionados