Esquerda Unida denuncia unha nova cacicada por parte da Xunta respecto ao Castelo de Monterrei

Esquerda Unida, unha vez máis, recorda a aberración acontecida na comarca de Monterrei pola teima da Xunta de Galicia de seguir a especular co ben común, esta vez, mediante a construción dun hotel de luxo no Castelo de Monterrei, toda unha agresión inxustificable ao Patrimonio cultural.

A día de hoxe, as obras  de  rehabilitación  do  Castelo  de  Monterrei continúan pese a que, dende o inicio, todas as organizacións de preservación do noso patrimonio cultural, especialmente a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei, as criticaban. “Non entanto, agora, se coñece un novo capítulo no errado e sospeitoso comportamento mercantilista da Xunta de Galicia respecto ao noso patrimonio en Monterrei”, sinala Xabier Ron, membro da dirección de EU e deputado de AGE.

“Agora sábese que proseguen as obras na Torre das Damas, onde se pretende  facer un mirador e un xardín con plantas aromáticas. Mentres, a cidadanía non pode acceder a ningunha destas partes do Castelo. Preguntámonos se ditas obras, que serían ilegais, se están levando a cabo ou gardan o debido  respecto a unha sentenza de decembro que anulaba a licenza de obra para construír un hotel de Paradores Nacionais estando á espera de que o recurso interposto ante a Audiencia Nacional se resolva”, sinala Ron.

Neste punto, Ron levará ao Parlamento, por medio de AGE, unha batería de preguntas referidas á situación na que se atopan as obras, que parece que se seguen a realizar no Castelo e se a Xunta de Galicia cre que a conversión desde Ben de Interese Cultural (BIC) nun hotel parador, que se mantén pechado varios meses ao ano, é beneficiosa para a cidadanía galega.

“En efecto non só a Xunta entregou por un tempo de 75 anos un BIC e un Monumento Nacional á empresa Paradores S.A. (en situación de ERE dende novembro de 2012), senón que as obras seguen a realizarse baixo o silencio e mantendo o recinto  pechado,  sen  que  a  cidadanía  poda acceder e gozar do Castelo”, recorda Ron.

“O 7 de agosto de 2015, o presidente Núñez Feijóo comentaba, logo da súa inauguración  como  parador,  que este Castelo pertencía á mellor rede de hoteis de Europa. Preguntámonos se o destino dun BIC é permanecer pechado durante  varios  meses  ao  ano.  Este  feito  demostra  que non  tivo  ningún  sentido  a  conversión  do  Castelo  de Monterrei en parador. E moito menos, cando  o  vello parador, situado a uns escasos 500 metros, xa coñece peches temporais que exceden o  acordado”, remata.

Relacionados