Esquerda Unida diríxese ao goberno central para coñecer cando estará operativo o servizo de Banda Larga no Seixo

Esquerda Unida vén de dirixirse ao Goberno para saber o prazo de finalización dos traballos de instalación da liña de banda larga no núcleo do Seixo, no concello de Mugardos.

Fai xa tempo que a necesidade de mellorar as condicións de acceso á internet nas parroquias do rural das vilas galegas é unha realidade. Unha necesidade que se amosa se cabe máis urxente nun momento en que moitas persoas dependen de esta conexión para o teletraballo, educación a distancia ou contacto coas súas familias e amizades.

No caso de Mugardos, Esquerda Unida xa dirixiu á Xunta de Galicia, responsable de parte das instalacións co “Plan de Banda Larga”, a través de Lola González, concelleira naquel momento de servizos sociais, cultura e educación.

Esta semana, vén de trasladarse ao Goberno do Estado a preocupación por esta cuestión e a consulta sobre as actuacións ao abeiro do “Programa de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración do Estado” do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. O obxecto é que os traballos poidan rematarse canto antes para dar servizo ás veciñas e veciños do núcleo poboacional do Seixo, permitindo unha conexión a internet adaptada ás necesidades actuais.

Relacionados