Na mañá de hoxe desenvolveuse unha rolda de prensa conxunta entre as organizacións Esquerda Unida e Os Verdes – Grupo Verde. Por parte de EU participou o coordinador comarcal e candidato á alcaldía, César Santiso e o responsábel de organización nacional e segundo cabeza de lista, Jorge Gil Morabes. Mentres que por Os Verdes participou o seu representante a nivel galego, Francisco Vicente Rodríguez.
A devandita rolda de prensa convocouse para facer a presentación da coalición Esquerda Unida – Os Verdes (EU-V) que concorrerá as eleccións municipais do 22 de maio no municipio da Coruña.
Comezou Jorge Gil Morabes quen explicou que o acordo de coalición emana da coincidencia no análise da situación política de A Coruña e do conxunto do Estado Español, e na consideración da necesidade de sumar todas as forzas posíbeis para contribuír a unha alternativa da esquerda transformadora. O responsábel de organización nacional indicou que estanse a desenvolver coalicións entre ambas as dúas organizacións no conxunto do estado español, nacidas de acordos a nivel federal, que logo deben fructificar no concellos que exista o suficiente nivel de converxencia.
De seguido tomou a palabra o representante de Os Verdes – Grupo Verde, para indicar a ampla coincidencia no programa de goberno presentado por Esquerda Unida para o concello da Coruña, e subliñou a grande defensa do medio natural que se desenvolve no dito programa. Vicente Rodríguez explicou que os acordos parten a nivel estatal, pero que no caso da Coruña, cun programa tan verde, o acordo foi relativamente sinxelo de conseguir.
Finalmente interveu César Santiso quen mostrou a súa ledicia por acadar o acordo. “para un ecoloxista convencido coma min, liderar a coalición vermella e verde e un motivo de orgullo e satisfacción”. O candidato á alcaldía explicou que o devandito acordo de coalición enmárcase dentro da decidida aposta de Esquerda Unida por confluír coas distintas sensibilidades da esquerda alternativa, a esquerda social e o movemento ecoloxista, que sirva de semente cara unha fronte ampla de esquerdas que sexa quén de mostrar a cidadanía que hai alternativa as actuais políticas neoliberais, insustentábeis social e mediomabientalmente, que están a aplicar os partidos maioritarios.
Santiso enumerou algunhas das propostas da coalición en materia medioambiental como: o cambio do modelo produtivo cara a unha economía verde máis sustentábel e menos dependente do petróleo, o Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostíbel (PIMUS) para reducir notablemente a utilización dos vehículos privados motorizados, a creación da Empresa Municipal para Asegurar a Soberanía Alimentaria Coruñesa (EMASAC) encargada de promover a agricultura ecolóxica local na bisbarra, un urbanismo sustentábel baseado en criterios de ecourbanismo e bioconstrucción ou a creación da Empresa Municipal de Enerxías Renovábeis (EMER) para loitar contra a crise enerxética e o cambio climático.