Esquerda Unida esixa á Xunta de Galicia que actúe ante o impago das nóminas do persoal da central de chamadas do 061

O persoal da central de chamadas do 061 viña advertindo nos últimos meses dos incumprimentos contractuais que a empresa adxudicataria do servizo, Grupo Norte, estaba a practicar. A pesar de ter denunciado publicamente a ameaza de impago durante varios meses seguidos, que significou unha xornada de folga no mes de xaneiro, a Xunta non acometeu ningunha actuación nin expediente á empresa.

Recentemente ven de adxudicarse o servizo a unha nova concesionaria, abandonando Grupo Norte a explotación do mesmo, sen que o persoal operador telefónico teña percibido a súa nómina do mes de marzo.

Esquerda Unida denuncia que a precariedade no persoal da central de chamadas non é unha novidade. Eva Solla, Coordinadora Nacional , afirma: “ Estamos falando dun servizo esencial que debera ser de xestión pública. A Xunta mantén, a través da Fundación do 061, ao persoal que atende as chamadas en permanente inestabilidade, pasando pola xestión das diversas concesionarias de telemárketing, con habituais incumprimentos de acordos. Se a Xunta decide manter a xestión privatizada, que garanta polo menos que o persoal cobre as súas nóminas”. E pregúntase: “¿De que serve aplaudir ao persoal que atende as nosas urxencias se logo se lles mantén nestas condicións?”

A organización política entende que o Conselleiro de Sanidade ten mañá na súa comparecencia unha boa oportunidade para explicar se van tomar algunha medida ante este impago de nóminas e lembran a necesidade de que se constitúa unha lista específica para as substitucións no servizo con persoal xa formado.

“Durante a crise do Covid-19 a Xunta habilitou un teléfono específico con persoal contratado sen experiencia previa con salarios próximos ao SMI. Entendemos que este non debe ser o modelo de calidade para un servizo tan importante como a asistencia telefónica en urxencias”, trasladou Eva Solla.

Relacionados