Esquerda Unida esixe a nulidade da sentenza do xuízo farsa dos activistas de Gdeim Izik, despois de coñecer que esta madrugada o tribunal marroquí, usando como probas declaracións baixo tortura, ditaminara sentenzas (de entre vinte anos e cadea perpetua) contra os activistas saharauís, que xa levan sete anos en prisión.
Esquerda Unida súmase á denuncia realizada polos Observadores Internacionais, o Frente Polisario ou Sogaps, entre outros, baseada en que este xuízo é toda unha farsa, xa que se ten constancia de que as “declaracións” e “confesións” sucederon baixo tortura e trato inhumano por parte do corpo de seguridade marroquí. Cómpre non esquecer que o único delito que cometeron estes activistas é loitar pacificamente pola defensa dos dereitos humanos e a independencia do Sáhara Occidental.
O xuízo farsa está infestado de irregularidades, falta de garantías procesuais, e graves violacións á presunción de inocencia, xa que os detidos non foron asistidos de letrados, nin na detención nin nas declaracións ante o xuíz instrutor, un sinónimo de silenciar e acabar co dereito á defensa. É por isto que vemos con desgusto como o fin último desta farsa era practicamente a confirmación da sentenza do Tribunal Militar emitida o 17 de febreiro de 2013, nun dos xuízos máis longos da historia é tamén o máis escuro para a Xustiza Universal.
Esquerda Unida denuncia a nula presión institucional levada a cabo pola actual potencia administradora, o Estado español, respecto un xuízo que vulnera o Dereito Internacional en materia de Dereitos Humanos e lamenta o silencio mediático existente sobre este ignominioso proceso.
Por todo isto, dende Esquerda Unida esiximos a nulidade da sentenza nun proceso que é unha auténtica farsa repleta de manipulacións que violenta o dereito de defensa e o dereito á xustiza e reclamamos que a presión internacional vele pola integridade física dos activistas condenados e que se proceda á súa inmediata liberación.
Do mesmo xeito, expresamos a nosa solidariedade e o noso apoio ao pobo saharauí na súa heroica loita fronte a Marrocos, o opresor, ilegal e ditatorial ocupante do Sáhara Occidental, así como manifestamos o noso apoio á Fronte Polisaria, lexítima representante do pobo saharauí e ás organizacións que, como Sogaps en Galicia, traballan para defender os dereitos do pobo saharauí.