Esquerda Unida esixe á Xunta de Galicia medidas para frear o avance da Covid nas residencias de maiores da provincia de Ourense e aclare se vai actuar na residencia privada “Val de Monterrei”

Esquerda Unida denuncia que pese á vaga de Covid-19 vivida nas residencias privadas e centros de maiores durante a primavera a Xunta de Galicia parece ter decidido continuar sen tomar nota e non actuar para previr e combater os brotes entre as persoas maiores institucionalizadas.

No mes de xuño a Coordinadora Nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, anunciaba a presentación dunha petición de investigación no Parlamento Europeo “para que se estudase a vulneración de dereitos fundamentais nas residencias de maiores logo de que 274 persoas perderan a vida durante a vaga de Covid en centros con escaso persoal e ausencia de medidas de control.” Sen embargo non semella que desde entón se teña tomado ningunha medida por parte da Consellería de Políticas Sociais para evitar que se volva a repetir esta situación.

Os datos ofrecidos pola Xunta a 7 de outubro indicaban que nesta segunda onda de Covid, despois do mes de xuño, faleceron xa 58 persoas máis vinculadas a centros residenciais. No caso da provincia de Ourense os casos activos recoñecidos en residencias de maiores roldan xa os 270 e poderían continuar aumentando.

Especialmente dramática é a situación coñecida a través dos medios na residencia privada de Val de Monterrei, co 78% das persoas residentes contaxiadas. Ás 43 anciás positivas en Covid-19 súmaselle tamén o positivo de varias traballadoras e ata o momento se descoñece medida algunha por parte da Xunta de Galicia.

Ante esta situación Esquerda Unida reclama que a Consellería de Políticas Sociais aclare se vai facer algo para protexer a esas anciás da residencia  de Monterrei e esixe á Xunta que se tomen medidas para evitar que as mortes nas residencias continúen a ascender e non se repita o drama vivido na pasada primavera.

Relacionados