Esquerda Unida esixe á Xunta de Galicia que garanta a seguridade nas oposicións e evite realizar os exames en plena onda de covid-19

Na última semana a Xunta de Galicia vén de publicar a constitución dos diferentes tribunais para diversas escalas de persoal que se enfrontarán aos exames de oposición para obter praza como empregadas e empregados públicos. Tribunais que se unen aos xa nomeados durante as primeiras semanas do mes de Outubro. Entre eles atópanse os de varias categorías de persoal sanitario e social que traballa nos centros de maiores e dependentes da Consellería de Políticas Sociais, coma son por exemplo enfermaría, fisioterapia ou técnicas en coidados de enfermaría.

As normas da oposición fixan que os exames deberán realizarse nun máximo de 40 días logo da constitución dos tribunais, sen embargo a Xunta de Galicia continúa sen informar das datas dos exames -que deberían celebrarse en Silleda- e das condicións de seguridade en que se van a producir.

Esquerda Unida denuncia o maltrato psicolóxico ao que están sumidas as persoas opositoras e traslada que a Xunta de Galicia é xa “reincidente” nesta cuestión logo de que tardase semanas en decidir paralizar as oposicións de educación.

“As persoas opositoras – sinala Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida – non só están sometidas ao estrés normal dunha oposición, se non que neste momento descoñecen se van ter que facer ou non os exames e se van a estar expostos aos contaxios. A Xunta xoga co seu futuro e a súa saúde. Resulta impresentable.”

Semella que nas condicións actuais, cos datos de Covid-19 en ascenso, “toque de queda” e varios concellos con peche perimetral reunir a milleiros de persoas nun recinto non semella o máis responsable. Eva Solla apunta: “Hai categorías nas que estamos falando de case 10.000 aspirantes, noutras superan as 6.000. ¿Como se vai garantir a seguridade cando lle estamos dicindo á xente que limite os seus contactos? Ademais, se a situación é grave no conxunto das opositoras e opositores, é aínda máis irresponsable se falamos de expoñer persoal sanitario nun momento en que falta persoal nos centros públicos.”

Esquerda Unida considera que non se dan as condicións de seguridade para realizar este exame e que a Xunta non pode ter ás persoas opositoras sometidas á incertidume, polo que urxe a pactar cos sindicatos as datas dos exames para despois do inverno e facelo en varias sedes, para evitar concentrar a todas as persoas nun mesmo pavillón.

Relacionados