Esquerda Unida esixe á Xunta que perimetre Galicia e adopte medidas para evitar que a ponte de decembro se convirta nun repunte dos contaxios de covid-19

Esquerda Unida manifesta a súa preocupación pola tardanza da Xunta de Galicia en adoptar medidas para evitar que os casos de Covid-19 se incrementen a vindeira fin de semana coa ponte de decembro e esixe que se perimentre canto antes a Comunidade Autónoma para evitar o incremento de contaxios importados.

Esquerda Unida entende que o obxectivo da Xunta nestes intres debera ser continuar diminuíndo os casos de Covid-19 e salvagardar a capacidade asistencial da Sanidade Pública, nese sentido resulta incomprensible que a tres días de iniciárense os posibles desprazamentos masivos por mor dos días festivos, a Xunta continúe sen perimetrar a Comunidade Autónoma e adoptar medidas para evitar o repunte dos contaxios.

Nese sentido, Esquerda Unida denuncia o “perigoso” e “absurdo” que resulta plantexar plans piloto de cambios progresivos de horarios xusto antes da ponte.

“Non é posible -sinala Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida- avaliar o impacto de calquera medida en cuestión de días xa que a maioría dos casos tarda ata 5 días en incubarse e moitos non son sintomáticos. Resulta absurdo que a Xunta perda o tempo en plantexar “probas piloto” cando faltan tres días para a ponte de decembro.”

Esquerda Unida entende que é inadmisible que se dean estampas coma a do pasado fin de semana con rúas comerciais ateigadas de xente. Esquerda Unida demanda que os aforos sexan estritos e sexan os mesmos para calquera tipo de negocio, entendendo que “non é lóxico permitir pasear no interior de centros comerciais ou grandes tendas cando outros negocios se manteñen pechados por orden da Xunta. Trátase de minimizar todos os riscos”.

Esquerda Unida esixe tamén que a Xunta se coordine cos Concellos e garanta a seguridade nos lugares máis transitados para impedir que se vulneren as distancias de seguridade como xa aconteceu precisamente esta fin de semana nas zonas máis comerciais.

Relacionados