Esquerda Unida esixe ao Goberno compromiso para pular por unha tarifa eléctrica que ofreza estabilidade para a continuidade da nosa industria

Esta mañá estivemos con Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, na mobilización en apoio ás persoas traballadoras das empresas electrointensivas galegas. “Precisamos unha tarifa eléctrica que evite a volatilidade do prezo da enerxía para a nosa industria, que sexa fixa e que permita ás empresas ter estabilidade para manter os postos de traballo en Galicia”, sinalou Eva Solla.

Segundo resalta a coordinadora nacional de Esquerda Unida, “PP e PSOE incumpriron a necesidade de regular o prezo da enerxía, polo que é fundamental trasladar ao novo Goberno que leve a cabo un compromiso firme co emprego e coas traballadoras e traballadores para evitar os despedimentos”.

Solla insta a que o Goberno poña en marcha un estatuto que regule o prezo da enerxía, o que podería solucionar a situación de electrointensivas como Alcoa, Ferroatlántica, Celsa ou Megasa. Dende Esquerda Unida lembramos que Alcoa é unha empresa de interese público e, como tal, o Goberno debera actuar en consecuencia, algo que non está a facer respecto ao futuro da industria do noso país.

Ver vídeo:

Relacionados