Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, participou esta tarde na mobilización da Plataforma de Sanidade da veciñanza de Verín na defensa da sanidade pública na comarca de Monterrei e contra o desmantelamento dos servizos.
“Estamos en Verín coas compañeiras e compañeiros de Esquerda Unida para manifestarnos en contra do desmantelamento do Hospital Comarcal, non só polo peche do paritorio, (aínda que isto xa o levábamos advertindo e por iso se alongou ata en tres ocasións a xubilación do único pediatra do hospital)”, lembra Solla.
“Agora corroboramos que isto significaría o peche da unidade, así como o recorte de máis persoal (como anestesistas, celadores/as…). Esta falta de medios humanos significa que moitas persoas que vaian ser operadas van ter que desprazarse ata o Hospital de Ourense”, indica Solla.
“Hai que lembrar tamén que hai outros servizos comprometidos, como paliativos e medicina interna e que todo isto forma parte do desmantelamento do Hospital de Verín e do recorte de servizos públicos no rural que o goberno do PP está a acometer. Por iso, estamos aquí para dicirlle vén claro ao Sr. Feijóo que a xente do rural ten dereito a ter uns servizos de calidade e que non imos permitir o desmantelamento do Hospital”, remata Solla.