Esquerda Unida esixe responsabilidade política a quen negociou a alcaldía da cidade a cambio perpetuar o poder na deputación

A pandemia á que o Partido Popular arrastrou á cidade de Ourense antepoñendo  os seus intereses partidistas ao ben da cidadanía, require dun exercicio de responsabilidade e explicacións sobre a situación actual que está a vivir o noso concello.

A situación política en Ourense é insoportable, e conta co beneplácito do partido máis corrupto de Europa, un Partido Popular que en Ourense xoga cos dereitos das veciñas e veciños, non só na capital, se non tamén no resto da provincia como levamos vendo nestes últimos meses.

Esquerda Unida, considera que o concello de Ourense ten importantes necesidades en infraestruturas, emprego, servizos sociais, e precisa dun proxecto intelixente e comprometido para poñer en marcha unha cidade que leva paralizada anos e semella que aínda tendo superávit económico para investir, os representantes públicos non están á altura e non teñen nin capacidade nin proxecto para gobernar esta cidade.

As veciñas e veciños de Ourense son conscientes das graves consecuencias que podería traer a paralización por máis tempo do concello, máxime nunha situación de pandemia no que a cidadanía precisa que os seus representantes públicos estean á altura, reaccionen e asuman as responsabilidades para as que foron elixidos.

A cidade precisa dun goberno serio, capaz, comprometido e cun proxecto que poña en marcha a cidade ante unha lexislatura fallida valeira de feitos e chea de promesas grandilocuentes que só alimentan os egos de personaxes nocivas que entenden a política como o camiño para o beneficio persoal fronte ao común, como acontece co actual alcalde.

Esquerda Unida en Ourense, considera inadmisible o mercadeo que o Partido Popular está a facer co goberno local, non todo vale a cambio de manterse no poder.

 

Relacionados