No Día da Saúde Mental, Esquerda Unida reclama á Xunta un Plan de Saúde Mental elaborado por unha comisión técnica que estableza un proceso participado por todas as profesionais da saúde mental e que leve parello un compromiso orzamentario para que saia adiante. Ao noso xuízo, a elaboración deste Plan é moi necesario tendo en conta que no propio informe da valedora se recolle a precaria situación da saúde mental en Galicia.
Segundo explica a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, “dentro do conxunto sanitario, a saúde mental viuse moi afectada polos recortes orzamentarios do Goberno de Feijóo; recortes que chegaron xusto no momento da crise, cando máis se precisa a atención especializada neste tipo de doenzas”. Esta realidade tamén aparece reflectida no informe do Valedor do Pobo, que destaca que “a coordinación entre o ámbito social e sanitario constitúe un dos retos máis importantes a levar a cabo e é fundamental para ofrecer unha atención integral ás persoas que precisen de atención no relativo á saúde mental”, precisa Solla.
A tamén vicepresidenta do Parlamento de Galicia explica que “ter un Plan de Saúde Mental dotado de recursos económicos suficientes e con protocolos concretos de actuación contribuiría a minimizar os problemas destes doentes”. Dende Esquerda Unida reiteramos que a Xunta considera a saúde mental como algo non prioritario, aínda que ao menos unha de cada tres consultas afectan a este tema, polo que sorprende que o PP negara en reiteradas ocasións incluír á psicoloxía clínica na Atención Primaria. Por todo isto, reiteremos a necesidade de levar a cabo un plan de saúde mental e dotalo de orzamento suficiente.