Esquerda Unida exise o cese das deportacións forzadas de migrantes

Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e deputado de AGE, reclamou o cesamento inmediato dos voos de deportacións forzadas de persoas estranxeiras así como a realización deste tipo de accións por parte do Goberno estatal coa complicidade da Xunta de Galicia.

Segundo explica Xabier Ron “os voos existen e, concretamente, estase a preparar un para o vindeiro 26 de novembro. Nesa data se fará unha acción de caza ao inmigrante”. “As persoas inmigrantes depórtanse sen atender ás condicións da irregularidade administrativa e sen nin tan sequera informar dos seus dereitos procesais”, engadiu.

Ron lembra as denuncias do Foro Galego de Inmigración, segundo as que o Estado practica no país identificacións raciais en espazos públicos ou persecucións policiais ate o propio domicilio. “Estamos ante unha terríbel situación que non pode recibir o amparo da Xunta”, explica, “e os dereitos humanos de veciñas e veciños de Galiza non pode someterse a esta persecución brutal”.

Tal e como ven denunciando dende o Parlamento de Galicia, Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a deputada do PP no Parlamento de Galicia, Paula Prado, chegou a negar a existencia deste tipo de voos en comisión parlamentar ante as denuncias do deputado Xabier Ron, o que non só supón un engano á cidadanía senón a demostración dunha total falla de sensibilidade e humanidade.

Un vergoñento xeito de proceder por parte do Goberno do Partido Popular no que está a investir 12 millóns de euros que é a cantidade que paga o Ministerio ao grupo de Air Europa para realizar estes voos. “As persoas migrantes ten que ver que non están soas na súa loita silenciosa polos seus dereitos de cidadanía”, declarou Ron.

Dende Esquerda Unida denunciamos unha vez máis esta práctica racista e xenófoba e insistimos no boicot a Air Europa para que non participe no que é unha clara violación dos dereitos humanos.

Relacionados