Esquerda Unida felicita ás familias do alumnado galego polo rotundo éxito das mobilizacións anti reválidas

A área de Educación de Esquerda Unida celebra o éxito das mobilizacións anti reválidas, secundadas polas familias do alumnado galego, e sinala, como fito histórico, “o masivo boicot ás mesmas”, onde ANPAS e forzas sindicais estimaron que un 80% de alumnado non participou, mentres que a propia Consellería de Educación recoñeceu que fora o 40%.

“A aplicación e imposición das reválidas fracasou estrepitosamente, a nivel estatal e a nivel galego, debido ao cambio de signo dos gobernos autonómicos pero, sobre todo, debido á mobilización da comunidade educativa, consciente e organizada”, sinala Roi Rodríguez, coordinador da área de Educación de Esquerda Unida.

“Ao tempo que se recorta profesorado, persoal de apoio e de atención das necesidades educativas especiais, a Consellería teima en aplicar unhas probas cun tinte claramente segregador e retrógrado e inútil dende o punto de vista de perfeccionar os procesos de ensino e aprendizaxe. Polo tanto, esiximos que a Consellería faga público o custo das reválidas para o sistema educativo galego”, esixiu.

Ramón Vázquez e Xabier Ron, membros da dirección de EU e deputados de AGE, foran os encargados de dar a coñecer a campaña en contra da aberración pedagóxica que representaron as reválidas. “A LOMCE é unha lei profundamente inxusta e contén no seu cerne todos os principios contrarios á educación, así, as familias, ao opoñerse a esta lei inxusta, actuaron conforme ao dereito á liberdade e axudaron a reafirmar o que debe ser o rol da educación e as funcións das avaliacións”, dixeron nada máis coñecer o baixo índice de participación.

Deste modo, ambos alegráronse do “fracaso rotundo das reválidas”, así como de que se impedira establecer rankings entre os distintos centros educativos, exactamente o que Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, recordou onte no pleno. Os deputados manifestan o apoio pleno ás familias que non quixeron someter aos seus fillos e fillas a un proceso avaliador sen ningunha finalidade educativa de mellorar a aprendizaxe, senón levada a cabo con vontade de segregación.

Por último, Esquerda Unida felicita ás familias do alumado galego e á comunidade educativa en xeral polo éxito acadado nas mobilizacións anti reválidas e anímaas a seguir a pular pola supresión das mesmas e a derrogación definitiva da LOMCE a favor dunha educación inclusiva e igualitaria.

 

Relacionados