Esquerda Unida reuniu hoxe a Coordinadora Nacional, máximo órgano de dirección entre asembleas, na que se aprobaron os documentos presentados desde a dirección saínte e que irán a debate dentro do proceso asembleario que culminará o sábado 26 de xuño coa celebración da XIII Asemblea Nacional.
Os documentos aprobados hoxe pola dirección nacional saínte de Esquerda Unida recollen en termos xerais “rearmar a organización de cara ao futuro e ofrecer propostas políticas a unha Galicia con amplas necesidades de recuperar os seus sectores produtivos e servizos públicos” . O documento que irá a debate contempla a necesidade imperante de “construír unha esquerda forte que combata as privatizacións e desleixos dun país sen presente e sen futuro”, o que será “unha prioridade para esta organización”.
O 20 de maio será a proclamación das candidaturas presentadas a liderar a dirección de Esquerda Unida para os vindeiros anos. Será a partir desta data que comecen os debates asemblearios nas comarcas e localidades. Tras este debate de documentos, terá lugar a fase de votación por parte da militancia e simpatizantes que decidirán o proxecto político de Esquerda Unida de cara aos vindeiros catro anos.
Esquerda Unida afronta este proceso asembleario desde a análise dun periodo marcado por numerosos procesos electorais abarcaron xunto cunha pandemia mundial que mudou completamente a vida política e social. Desde a análise e a reflexión, a proposta política que se debatirá desde as localidades e comarcas, decidirá o rumbo político dos vindeiros catro anos de Esquerda Unida.