Esquerda Unida insta á dirección nacional do PSdeG a esixir a destitución da alcaldesa do Concello do Porriño

Parálise, desgoberno e irregularidades. Así se pode definir a xestión do goberno do PSOE.
O mandato de Eva García de la Torre durante estes seis anos caracterizouse ademais de parálise e
desgoberno en algo tan grave como as irregularidades constantes que fixeron que a alcaldesa, sexa
investigada por falsificación, tráfico de influencias e prevaricación no “Caso Desbroces”. Ademais
o Consello de Contas cualifica a contratación no concello como irregular e descontrolada nestes
últimos anos.

A xestión económica do goberno de Eva García é sumamente grave e calamitosa, cuns orzamentos
prorrogados desde o ano 2018, con débedas acumuladas de subministración eléctrica por máis de
700.000 euros, que levou mesmo ao corte da luz en varios edificios municipais, así como a débeda
por máis dun millón de euros ao concello de Vigo por subministración de auga. A esto hai que
sumarlle a débeda de 4.626.494,96€ por facturas de servizos encargados verbalmente.

Esquerda Unida cre que a gravidade da situación do concello de Porriño, traspasa o ámbito local,
polo que fai un chamamento á dirección nacional do PSdG-PSOE e ínstaa a que haxa un cambio na
alcaldía de Porriño. Mirar cara a outro lado e soster a Eva García de la Torre á fronte do goberno
sería unha absoluta irresponsabilidade.

Relacionados