Esquerda Unida insta á Xunta a buscar solucións para garantir o futuro de Emesa e frear o desmantelamento do sector industrial galego

Membros da dirección nacional de Esquerda Unida estiveron esta mañá reunidos co comité de empresa de Elaborados Metálicos de Emesa, que trasladou a súa preocupación pola situación actual da empresa, en concurso de acredores, e trasladaron a necesidade de buscar unha solución que garanta a continuidade da empresa e dos postos de traballo.

Nos últimos anos, Emesa foi propiedade do Grupo Isolux Corsán, onde xa pasara por unha reconversión que fixo que se pasaran de 300 a 70 traballadoras/es. Agora, da man do Grupo Soil, a empresa levou axudas públicas para unha mellora que non chegou, perdéndose estes cartos.

“Hoxe as traballadoras/es non saben onde están os cartos pois a empresa debe 18 millóns de euros cando facturaba 30 e leva tempo sen pagar a ningún provedor e camiño a deberlle aos traballadores catro nóminas”, sinalou René Gamborino, membro da dirección nacional de Esquerda Unida e do Partido Comunista de Galicia, nada máis saír da xuntanza.

“É terrible que nesta circunstancia o Grupo Soil presente un ERE mostrando a súa pretensión de desmantelar unha empresa de máis de 60 anos de historia e con traballadoras/es con alta especialización”, sinala Loreto Taibo, membro da dirección nacional de Esquerda Unida, quen criticou que “isto é un exemplo máis do claro desmantelamento da nosa industria, permitido polas reformas laborais, principalmente a do partido Popular que facilita os despidos colectivos”.

Por todo isto, Esquerda Unida insta á Xunta a buscar solucións para garantir o futuro de Emesa e frear o desmantelamento do sector industrial galego. “O persoal altamente cualificado de Emesa, e doutras empresas industriais, non quere emigrar a Alemaña, quere traballar en Galicia; por iso hai que evitar este peche”, remata Taibo. Despois da xuntanza, apoiamos ao persoal de Emesa na concentración contra o peche da empresa na praza Irmáns García de Betanzos.

Relacionados