Esquerda Unida insta á Xunta a que actúe e impida o abuso dalgunhas entidades bancarias na contratación dos créditos ICO

O Goberno central aprobou nestes días a ampliación do Escudo Social para afrontar a crise provocada polo Covid-19, nesta ampliación constaba da posta en marcha dun sistema de créditos a través do Instituto de Crédito Oficial (ICO).

Nas medidas aprobadas polo Goberno central recóllense as especificidades de acceso a estes créditos para facer fronte a diferentes situacións que, á falta dunha Banca Pública, teñen que xestionarse a través de entidades bancarias privadas.

Neste contexto, vimos de coñecer que as entidades bancarias privadas están abusando sobre persoas que neste momento de dificultade vense na obriga de solicitar estes créditos para paliar a súa situación económica. Estamos a falar de empresas e pequenos autónomos que precisan destes ingresos para afrontar esta situación de crise e non ter que pechar os seus negocios.

Nalgunhas entidades bancarias déronse casos nos que se condicionaron contratacións de créditos ICO á contratación doutros produtos secundarios (como seguros de vida) que responden xa de entrada a unha mala práctica bancaria, máxime cando se refire a uns créditos cuxo financiamento está cuberto e avalado ao 80% polo propio estado, co que o factor risco é practicamente inexistente.

Por todo isto, dende Esquerda Unida solicitamos á Xunta de Galicia que actúe a través do Instituto Galego de Consumo e defenda os dereitos das e dos galegos ante esta situación de ilegalidade que, algunhas entidades bancarias están exercendo sobre os pequenos autónomos e empresarios para enriquecerse nun momento de especial vulnerabilidade.

Relacionados