Esquerda Unida esixe ao Goberno da Xunta que ofreza solucións urxentes para as e os traballadores da nosa industria. “Galicia estase a converter nun deserto industrial debido a unhas políticas erráticas de diferentes gobernos que non son capaces de artellar unha alternativa á situación de destrución de emprego industrial que estamos a padecer”, sinala Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, que reitera que “a Xunta ten unha visión cortoplacista que non beneficia en nada ao mantemento do tecido produtivo no noso país”.
Segundo sinala Solla, “é inadmisible que Feijóo presumira hai uns días, no Debate do Estado da Nación, da carga de traballo no naval galego e de levar a cabo unha xestión impecable que medraba en facturación. Esta situación é o celme dunha ficción dun Presidente que pasará á historia por abandeirar a maior perda de emprego industrial en Galicia, xa que case a metade do emprego destruído durante o goberno de Feijóo foi no sector industrial, polo que deixará un país desposuído en materia industrial e orfo en inversión pública”.
Esta mañá vimos de coñecer que o estaleiro Hijos de J. Barreras solicita o preconcurso de acredores, polo que “o futuro naval do noso país está en perigo de extinción”. Pero tamén Vulcano o Navantia atravesan enormes dificultades sen que se aborde unha solución por parte do goberno galego, polo que nos preguntamos “cando a Xunta e o Goberno central van comezar a traballar para atallar este proceso de desindustrialización galopante”.
Por todo isto, dende Esquerda Unida esiximos ao Goberno que aborde a situación actual con medidas urxentes en materia de mellora de produción industrial e que aposte por un sector naval clave para a economía galega.
Mañá estaremos ás 12.30 horas na porta do Parlamento, xunto a Eva Solla, para recibir aos traballadores dos estaleiros de Vulcano que rematan a marcha iniciada este martes dende Vigo en defensa dos seus postos de traballo.
Tamén apoiamos e sumámonos ás diferentes reivindicacións en defensa dun tecido industrial para o noso país que xere emprego e condicións laborais dignas para que as nosas traballadoras e traballadores non teñan que emigrar.