Esquerda Unida esixe procurar solucións para os devastadores efectos do lindano en O Porriño

A veciñanza de O Porriño leva xa demasiado tempo sufrindo a contaminación silenciosa e invisible de lindano. Foi a finais dos anos 90 cando se denunciou e as medidas adoptadas, dende entón, foron totalmente insuficientes. Fai uns meses, unha obra de saneamento no pobo de Torneiros revelaba a presenza deste produto altamente tóxico do que se diseminaron 1.000 toneladas fai algo máis de medio século e que agora segue moi presente no pobo. En canto o produto quedou ao aire, varias persoas que vivían cerca e as que traballaban na obra comezaron a queixarse de malestar físico, dores de cabeza e inflamacións.

Xa son 13 pozos pechados na zona, únicos para o abastecemento de oito familias que non poden usar a auga nin para consumo nin regadío, xa que os valores detectados desta sustancia superaron ata 100 veces o valor de referencia admitido para a auga de pozos, dos que algúns levan toda a vida abastecéndose. Ademais de ser moi contaminante, esta substancia de alta toxicidade ten un carácter persistente e acumulativo e, ao estar presente nos acuíferos de forma incontrolada, esténdese dende as augas do río Louro ata o Miño.

A veciñanza de O Porriño, ata o momento, non recibiu información ou asesoramento concreta sobre o lindano, que se vén se trataba de un tema “medioambiental” non se relacionaba directamente coa saúde das persoas nin co consumo da auga, un dereito humano inalienable. É por iso que dende Esquerda Unida temos claro que é a hora de buscar implicación das diferentes administracións para intentar paliar este problema ecolóxico e sanitario, que merece unha resposta inmediata.

Ademais, co fin de informar á cidadanía sobre os efectos do Lindano, EU-Son Porriño pon en marcha mañá, xoves 23 de novembro ás 18h., unha xornada, que terá lugar no Multiusos de Torneiros (O Porriño), na que se presentará o “Informe sobre os efectos do Lindano” da man de Eder Álvarez, concelleiro de Ezker Anitza-IU de Barakaldo, Javier Vázquez, membro de Ecoloxistas en Acción de Barakaldo e Responsable das accións sobre o lindano no Estado e Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia.

 

Relacionados