Esquerda Unida insta ás administracións a coordinarse para ofrecer solucións á veciñanza de O Porriño que convive co lindano

EU-Son O Porriño vén de organizar unha charla na que se presentou o “Informe sobre os efectos do Lindano”, elaborado por Ecoloxistas en Acción no Multiusos de Torneiros, ateigado por gran parte da veciñanza, moi preocupada polos efectos da contaminación silenciosa e invisible de lindano, coa que levan máis de medio século a convivir na zona.

A charla estivo moderada por Pedro Ocampo, voceiro de EU-Son de O Porriño, quen destacou que o seu grupo viña de presentar unha denuncia á Fiscalía de Pontevedra para que, dunha vez por todas, tome medidas co que está a acontecer co lindano, diseminado por toda a área. Pola súa banda, Javier Vázquez, membro de Ecoloxistas en Acción de Barakaldo e Responsable das Accións sobre o Lindano no Estado, foi o encargado de presentar este Informe, elaborado por Ecoloxistas en Acción, sobre os efectos “dunha substancia de alta toxicidade que ten un carácter persistente e acumulativo nas persoas”.

Tamén tomou a palabra Eder Álvarez, concelleiro de Ezker Anitza-IU de Barakaldo, que contou as experiencias con esta substancia tóxica en diferentes lugares de Bizkaia e Huesca “que manteñen actualmente focos de contaminación por esta substancia, é dicir, a día de hoxe seguen ocasionando un impacto de consecuencias incalculables”. Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, falou das consecuencias na saúde para as persoas que conviven con este tóxico no día a día e revelou que, dende En Marea, “levará unha batería de iniciativas ao Parlamento para preguntar á Xunta de Galicia sobre as medidas que levarán a cabo ante o que está acontecendo co lindano e como se coordinarán as administracións para buscar solucións”.

Precisamente, pola natureza do  tóxico, é necesario que se avalíe a exposición da poboación, que se demanden as responsabilidades que correspondan (penais, administrativas e políticas) aos causantes da contaminación e se destinen, dende os gobernos central e autonómicos, os orzamentos necesarios para levar a cabo efectivas accións efectivas .

A veciñanza de O Porriño tamén tomou a palabra e expuxo diferentes problemas en relación á súa situación: descoñecen que tipo de probas teñen que facer para saber se este tóxico actúa no seu organismo, polo seu carácter acumulativo, non basta coa realización de análises de sangue; non saben como actuar para que lles retiren este tóxico de diante das súas propias casas e camiños e se senten abandonados e maltratados polas diferentes administracións, que non son capaces de artellar unha estratexia conxunta para darlles unha solución.

É por iso que dende Esquerda Unida esiximos a implicación das diferentes administracións para paliar este problema ecolóxico e sanitario, que require dunha resposta inmediata que vaia máis alá de pechar os pozos de auga contaminados dos que a veciñanza leva anos abastecéndose.

Ver un resumo da charla dende aquí

Relacionados