Esquerda Unida insta de novo ao Concello de Lugo e á Xunta de Galicia a presentarse como acusación popular no ‘Caso Carioca’

Ante as novas sobre o ‘Caso Carioca’ de que todos os policías involucrados na causa quedan exonerados de responsabilidade penal por “delito algún relacionado coa prostitución, o de calquera outro ilícito penal”, Esquerda Unida reitera de novo que o sistema xudicial patriarcal e machista segue sen protexer ás mulleres (algunhas menores) vítimas de trata e en situación de pobreza extrema. É por iso que instamos ao Goberno galego e ao Concello de Lugo a presentarse como acusación popular, unha medida contemplada no artigo 125 da Constitución Española e que axudaría a protexer a estas vítimas vulnerables.

“Se ben xa vimos de denunciar o abandono da Fiscalía ás mulleres vítimas de trata ao arquivar unha parte da ‘Operación Carioca’, agora nos atopamos que tamén os axentes aos que se lles imputaban delitos de suma gravidade como son os abusos sexuais continuados ou a prostitución coactiva, delitos que normalizaron a situación de violencia e explotación nos prostíbulos de Queens e A Colina quedan libres de responsabilidades”, denuncia a responsable da Área de Muller de Esquerda Unida, Raquel Bernárdez.

Dende Esquerda Unida reiteramos que o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia non poden permanecer impasibles ante a indefensión das vítimas de trata e deben presentarse como acusación popular.

Por todo isto, instamos ao Concello de Lugo e a Xunta de Galicia a que exerzan as súas responsabilidades como administracións públicas e se personen como acusación popular na causa para defender os dereitos das mulleres e menores vítimas de explotación sexual, tal e como esixen diferentes colectivos contra a trata e tráfico de persoas.

Para Esquerda Unida a explotación sexual é unha forma extrema de violencia de xénero e que pon de manifesto como a xustiza e a totalidade do sistema xudicial non protexe os dereitos das mulleres, aínda que se atopen en situación de extrema vulnerabilidade, tal e como estamos a ver coa ‘Operación Carioca’.

 

 

Relacionados