Esquerda Unida denuncia que vimos de asistir a unha das manobras que máis claramente evidencia a subordinación do Poder Xudicial ante os intereses da banca privada. Foi o 18 de outubro cando a Sala Terceira do Tribunal Supremo establecía que serían os bancos, e non os seus clientes, quen asuman o Imposto sobre Actos Xurídicos Documentados, o máis importante que se paga cando se formaliza o préstamo dunha hipoteca. Só un día despois, o Tribunal Supremo suspendía de maneira insólita o fallo da Sala Terceira pola súa “grave repercusión económica e social” e aprazaba a decisión final.
Días despois, coñecemos que o Pleno da Sala Terceira do Tribunal Supremo, convocado de forma irregular, emendou a doutrina consolidada pola sección do Tribunal experta en materia tributaria para favorecer á banca privada. Deste modo, o Tribunal Supremo deu marcha atrás e decidiu que sexa o cliente o que pague o imposto das hipotecas (o imposto de Actos Xurídicos Documentos).
Ante esta actitude, dende Esquerda Unida entendemos que nos atopamos ante un novo caso de arbitrariedade do Poder Xudicial, un poder constitucional que neste caso non respecta a súa propia independencia e sométese ao designio dos máis poderosos.
Por iso, dende Esquerda Unida apostamos por unha banca pública que impida a chantaxe da banca privada. Ademais é imprescindible que, se este país quere desenvolver unha política industrial coherente, que favoreza ás pequenas empresas, facilite o acceso á vivenda e poña en marcha un novo modelo de desenvolvemento que reduza o paro e sexa sustentable económica e ecoloxicamente, poña tamén en marcha unha banca pública.
A decisión do Goberno do PSOE de lexislar para que sexan os bancos os que paguen o imposto é un parche insuficiente e chega tarde. Doutra banda, cada ano os bancos multiplican os seus beneficios e os salarios dos seus directivos, mentres a cidadanía ve como se empobrecen as súas condicións de vida, entre outros motivos, por obrigar a pagar multimillonarios “rescates bancarios”. Por todo iso, dende Esquerda Unida presentaremos mocións contra esta inxusta decisión do Tribunal Supremo en todos aqueles lugares onde temos voz.