Esquerda Unida Lugo vén de celebrar este mércores 20 de marzo un acto de presentación do candidato elixido nas súas primarias para encabezar a representación desta organización para as vindeiras municipais, Carlos Portomeñe, que estivo acompañado pola coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Eva Solla.
No encontro, baixo o título “Municipalismo para o Lugo Real”, ademáis de presentarse a candidatura refrendada pola militancia lucense cun 93,8% dos votos a favor, se presentaron as bases da xestión local proposta por Esquerda Unida, centradas na mellora da calidade de vida da maioría social traballadora en contraposición á política do “Lugo virtual” que levan aplicando durante décadas os sucesivos gobernos do PSOE, investindo en obras irracionais e infrautilizadas e fomentando a especulación inmobiliaria.
A candidatura encabezada por Carlos Portomeñe e consensuada polo Consello Local de EU Lugo, está integrada por María Jesús Rodríguez, psicóloga da Xunta de Galicia especializada en menores e membro fundadora da asociación cultural Tele-Clube adicada á programación de concertos de música alternativa; José Luis López Álvarez, responsable de Industria de CCOO Lugo; Vanessa Somoza Domínguez, artista plástica e presidenta da Asociación Mil Cores centrada no fomento da creatividade na infancia; Diego Moreira Ulla, delegado sindical da CIG na empresa municipal Urbaser e Carmen González Magdaleno, xornalista e secretaria de comunicación de Esquerda Unida Lugo.