Esquerda Unida manifesta o apoio á folga indefinida do persoal técnico de incendios

A situación de Galicia chegado o verán volve a ser un escenario de lumes e de precariedade laboral asociada sen un cadro de persoal  nin unha xornada laboral axeitadas ao traballo , co que a folga indefinida convocada polo persoal técnico de prevención arranca o hoxe 1 de agosto no marco dunha vaga de lumes que asolagan o sur do país.

O persoal técnico de incendios leva máis de dous anos reclamando un acordo coa administración que contemple unha adaptación organizativa do monte no que se refire a ordenación, prevención, extinción e polo tanto a loita contra os lumes.

O monte galego precisa dunha explotación e ordenación adecuada a realidade deste século onde a prevención e a ordenación forestal deben ser piares fundamentais sobre os que traballar para evitar a proliferación de lumes á que xa estamos demasiado habituados. A administración debe asumir a súa responsabilidade de camiñar cara unha prevención real que só poderá ser efectiva se esta é consensuada cos e cas profesionais do sector.

Esquerda Unida manifesta o apoio ás reivindicación dos traballadores e traballadoras en folga e reclama á consellería de Medio Rural que poña todos os medios necesarios en defensa dun monte vivo.

Relacionados