Esquerda Unida Ourense manifesta o apoio ás traballadoras e traballadores de URBANOS OURENSE SL en folga, e insta ao Concello que actúe e exerza a súa responsabilidade

Dende Esquerda Unida de Ourense queremos manifestar o noso apoio a todo o persoal da empresa de autobuses urbanos que presta servizos no Concello de Ourense, e o noso agradecemento ao esforzo que o Comité de Folga, está a facer nesta difícil situación.

Se falamos do conflito dende o punto de vista exclusivamente laboral, non cabe dúbida de que as reivindicacións dos traballadores son xustas e irrenunciables. É difícil de crer que, a causa dunha pequena mellora nas condicións laborais, o grupo AVANZA, a empresa con máis concesións de transporte urbano en España, vaia poñer en perigo a rentabilidade do seu xigantesco negocio. Un negocio, o das concesións públicas, no que os cobros están asegurados (non hai risco de impago), e no que a cidadanía só ten a función de “clientela cautiva”, sen posibilidade de elixir outro provedor. Tampouco é fácil de xustificar que, co mesmo prezo de combustible, similares equipamentos e vehículos, e as mesmas xornadas laborais, o persoal da mesma empresa no Concello de Vigo cobre unha media de 500€ mensuais máis que o persoal da mesma categoría en Ourense.

A explicación non é outra que a actitude prepotente da empresa, cuxa concesión caducada foi prorrogada sen moitos estudos previos nin garantías, e á que non se lle esixe o estrito cumprimento das condicións do contrato firmado coa administración. As avarías de autobuses nestas últimas semanas son a proba de que o parque móbil está envellecido porque non se fan as inversións necesarias. Para eles, Ourense non merece tanto gasto, nin en persoal nin en equipamento.

AVANZA non fai máis que sacar proveito dunha debilidade, da debilidade da clase traballadora en Ourense, precarizada e, o peor de todo, con escaso apoio social. Neste momento, o persoal do transporte urbano, ao que non fai moitos meses aplaudíamos por arriscarse, esforzarse e prestarnos un servizo exemplar, precisa o noso apoio, o apoio de toda a sociedade ourensá.

A cidade necesita traballos e salarios dignos, necesita un servizo tan básico e sostible como o transporte público, e necesita que a veciñanza comece a reaccionar e visibilizar o seu rexeitamento ao comportamento prepotente das grandes empresas que, como estamos a comprobar, concentran moito poder e funcionan como oligopolios intocables (transporte, eléctricas, combustibles…).

Nesta situación, o Concello non se pode poñer de perfil dicindo que a resolución do conflito só lle compete aos traballadores e á empresa. É unha loita desigual, na que os últimos gobernos liberais sempre estiveron do lado da gran empresa. O declive dos convenios colectivos, a promoción da temporalidade ou a esixencia duns servizos mínimos abusivos para desactivar as mobilizacións, como está a ocorrer en Ourense, son claros efectos do servilismo das administracións fronte ao poder empresarial e da insensibilidade ante as necesidades da cidadanía.

Dende EU insistimos en que o Concello non pode ser un actor neutral nesta situación. Non estamos a falar de economía, de contabilidade, senón dun servizo público. Os orzamentos do Concello, cando benefician a calquera empresa, deben ter como condición que esta cumpra estritamente coas normas laborais ambientais e sociais en vigor. Limitando o dereito á folga dos traballadores cuns servizos mínimos do 75%, ignorando a normativa ambiental europea que pretende acabar coa contaminación urbana e mudar o modelo de mobilidade, ou limitando a frecuencia do transporte nas liñas menos rendibles,  o Concello e a concesionaria son cómplices dunha ilegalidade.

Cando se resolva este conflito, esperemos que cun resultado digno para os traballadores, teremos que evitar que se repita e, unha vez máis, esixir a remunicipalización do servizo de transporte urbano. Non hai mellor solución que devolverlle o control á cidadanía para que os beneficios sociais sexan a prioridade.

Non podemos permitir que nunha situación de pandemia, na que pequenas empresas fan enormes sacrificios para sobrevivir, unha gran empresa use como desculpa a baixada temporal nos beneficios para empeorar as condicións laborais do seu persoal, nunha provincia empobrecida que non abandona os últimos postos de renda e benestar de todo o país.

Os convocantes da Folga que se intensifica a partir de mañá, piden desculpas e comprensión aos veciños polas molestias. En Esquerda Unida cremos que somos nós os que temos que lles dar as grazas por defenderse e resistir fronte a prepotencia, por loitar polo dereito a un traballo digno e por desempeñar con responsabilidade e seriedade un servizo esencial.

Relacionados